Ao abeiro da programación de lecer estival para a rapazada e a mocidade, o Concello de Rianxo organiza este mes de xullo o obradoiro xuvenil A Vila do Maña, dirixido a mozos e mozas maiores de 10 anos. A actividade creativa desenvolverase dende o 4 ao 8 de xullo, de 16.00 a 20.00 horas.
Segundo explican dende o Consistorio, A Vila do Mañá parte de tomar a vila rianxeira como “un taboleiro de xogo e laboratorio de experimentación, transformando o lugar que habitamos en algo novo, en algo a descubrir se se mira e percorre con outros ollos”. En concreto, o obradoiro trata de transformar diferentes localizacións de Rianxo mediante a intervención artística cos graffitis.
Para realizar a inscrición debes enviar un correo electrónico a xuventude@concelloderianxo.gal co teu nome e apelidos, idade e teléfono de contacto.




