O Pazo de Goiáns e a súa contorna seguirán acollendo actividades culturais de xeito regular ao servizo da veciñanza

O Concello de Boiro celebrou este xoves 16 de xuño unha nova sesión da Comisión de Valoración e Planificación do futuro do Pazo de Goiáns, unha mesa de traballo que se reúne de xeito periódico e que ten como obxectivo “definir os usos dos históricos inmóbeis e a súa contorna logo das obras de rehabilitación e acondicionamento”. A sesión deste xoves estivo presidida polo alcalde, José Ramón Romero, e nela participaron persoal técnico e experto en diversas áreas como son cultura, arqueoloxía, arquitectura, botánica, historia… A comisión fixo un repaso das actuacións realizadas e daquelas que está previsto executar co obxectivo de “realizar unha planificación dos traballos a desenvolver”. Unha das conclusións foi o mantemento da programación cultural para a veciñanza no inmóbel principal.

Tamén se fixo saber que dende a área de Cultura estase a realizar xa unha programación que se vai desenvolver durante o segundo semestre do ano.

Na comisión fíxose saber que “aínda que o Pazo non ten aínda un horario de visitas”, este definirase nos vindeiros meses para a súa apertura regular ao público. Porén a finca e os xardíns son xa visitábeis con acceso pola zona do aparcamento.

En canto á contorna do edificio, na comisión informouse de que na actualidade estanse a desenvolver na finca os traballos de formación práctica do Obradoiro Integral de Emprego en Xestión Forestal Torre Goiáns – Boiro, do que xa se pediu unha nova edición para o vindeiro curso 2022.

Na xuntanza de traballo tratáronse tamén outras opcións para a finca como son o proxecto de cultivo de castes autóctonas de viñedos ou a creación dun horto sementeiro de frondosas.

A comisión acordou traballar en pequenos grupos, por áreas temáticas, para poder “definir e materializar aqueles usos aos que se quere destinar o Pazo”, seguindo sempre “cos obxectivos polos que foi adquirido e explotando a finca dunha maneira sustentábel e seguindo unha liña acorde á idiosincrasia do espazo”, indicouse.