O congreso de odontoloxía reunirá na Pobra profesionais de España e Portugal

A Pobra acollerá o vindeiro 11 de xuño a décimo quinta edición do simposio organizado polo Atlantic Dental Institute dentro das actividades de Dentsply Sirona Academy. Participarán no congreso 200 profesionais da odontoloxía de España e Portugal nunha cita que converterá a vila nun punto de referencia no ámbito da formación odontolóxica especializada. O congreso recupera o formato presencial trala paréntese ocasionada pola pandemia derivada da COVID-19 en 2020 e trala súa realización na modalidade a distancia no pasado ano. Os detalles da cita foron dados a coñecer este mércores 8 de xuño en rolda de prensa.

O doutor Gonzalo López Castro, impulsor do evento, puxo de manifesto a importancia da tecnoloxía de vangarda no panorama da medicina e, nomeadamente, na odontoloxía. Neste senso, sinalou que, actualmente, o/a paciente “pode acceder ao tratamento final previo á realización, polo que podemos acceder á visualización do resultado final do tratamento, á planificación e á diagnose”. Pola súa parte, José Rodríguez, en representación de Dentsply Sirona Academy, agradeceu a disposición existente na Pobra para seguir a colaborar con este proxecto.

Na súa intervención, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), recoñeceu o esforzo realizado polas dúas entidades presentes para que “o noso concello se sitúe na vangarda da odontoloxía” e agarda que as persoas asistentes coñezan os recursos e actividades de lecer presentes na localidade.

O dito evento formativo revisará os últimos avances producidos no ámbito da odontoloxía, facendo especial fincapé na implantoloxía, dende o punto de vista do/a paciente como centro de todo o proceso asistencial.

O programa impartirase durante toda a mañá no Auditorio do Museo Valle-Inclán e arrancará co coloquio Hagamos predecible la ortodoncia digital, da man de José Santos Soage, director clínico de Dental Forte e especialista en odontoloxía multidisciplinar, para dar paso ao doutor Alberto Monje con La regeneración como método de prevención.

Despois dunha breve pausa, será a quenda de Sinergia Bilogía-Tecnología para el reto de el implante unitario en el área estética, a cargo de Sergio García Bellosta, co-director do Mestrado en Odontoloxía Integrada de Adultos da Universidade de Barcelona e experto en odontoloxía mutidisciplinar, e concluirá cunha mesa redonda.

A maiores, na xornada previa, Alberto Monje impartirá a un grupo reducido de 24 profesionais o obradoiro teórico-práctico Terapia reconstructiva para el manejo de la preiimplantitis na clínica do doutor Gonzalo López Castro.