A partir deste sábado 11 de xuño o Centro Social de Boiro albergará unha exposición do debuxante e xornalista Andrés Vázquez de Sola. Trátase dunha serie de retratos de políticos e persoeiros relevantes da II República caricaturizados polo artista gaditano.

Vázquez de Sola naceu en San Roque (Cádiz) en 1927, militante comunista dende a década dos cincuenta, sufriu represión, prisión e exilio en Francia. Alí popularizouse a súa figura como debuxante de prestixio publicando en Le Monde, L’ Humanité e Le Carnard Echainé. Xa de volta en España colaborou con Diario 16, El Mundo, El Independiente, Interviú e Mundo Obrero. Nos oitenta a súa posición contraria á entrada de España na OTAN tivo enorme relevancia. Andrés Vázquez de Sola foi homenaxeado no Palacio de la UNESCO de París e foi distinguido co prestixioso premio Nasreddin Hoça.
O conxunto fórmano 30 láminas e estarán expostas durante un mes en grupo de dez caricaturas de cada vez. A obra foi cedida polo propio autor a Esquerda Unida Barbanza a través de Lola Sanisidro Pose, presidenta do Ateneo Republicano de Puerto Real e natural da Pobra do Caramiñal.