O BNG demanda unha mellora urxente na atención primaria do Barbanza

O BNG da nosa comarca presentou este luns 6 de xuño os detalles dunha petición para “a mellora inmediata da atención primaria e do servizo de pediatría no Barbanza”, dous ámbitos que segundo indica o grupo nacionalista atópanse “nunha grave situación que se converteu en crónica” e que “vén de moito antes de comezar a pandemia”. Esta situación, sinalou o BNG, deriva nunha atención “cada vez máis insuficiente”, en baleiros de persoal sanitario e non sanitario e “nun deterioro que avanza a pasos axigantados”. As críticas poñen o foco nos concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, aínda que son aplicábeis a outros da nosa contorna.

Na imaxe Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo, Rosana Pérez deputada e os voceiros do BNG en Boiro e Ribeira Raquel Suárez e Luís Pérez no centro médico de Taragoña

Desde o BNG denuncian “que o Goberno galego pechou na comarca varios consultorios periféricos que a día de hoxe seguen sen abrir co pretexto de centrar os recursos e o persoal para combater a pandemia”. Isto motivou que a deputada Rosana Pérez reclamase en novembro de 2020 abrir os consultorios de Taragoña (Rianxo) e Cabo de Cruz (Boiro), que tiñan adscritas preto de 3.000 persoas. “A día de hoxe, seguimos a agardar a resposta da Consellería e a cidadanía continúa sen ser atendida neses consultorios por permaneceren pechados e a medida excepcional pasou a definitiva” recriminou Pérez Fernández, que engadiu que “a asistencia pediátrica é un dos servizos que sufre con maior virulencia a política de redución de persoal que o Goberno galego está realizando, especialmente clamorosas son as carencias na Pobra e en Rianxo”.

A parlamentaria nacionalista recriminou tamén que “a Consellería de Sanidade non avanzou o máis mínimo nas medidas acordadas no Parlamento en 2021 para paliar a falta de profesionais no Centro de Saúde de Ribeira, que empeorou aínda máis en canto a postos de profesionais que están sen cubrir”. O responsábel comarcal e portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez, anunciou que presentará iniciativas locais para que haxa un apoio por parte da Corporación municipal ás iniciativas nas que piden que se cubran todas as prazas médicas.

Pola súa banda, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, debullou as iniciativas feitas polo BNG sobre “a situación extrema que se vén vivindo no PAC de Rianxo”. O rexedor destacou “que a cidadanía leva mobilizándose polo deterioro deste PAC dende 2019, antes da pandemia e sen que se teñan aplicado solucións”. O alcade anunciou que convocou unha Mesa pola Sanidade Pública de Rianxo coa que se pretende xuntar esforzos da sociedade rianxeira en prol dunha mellor atención e dotación dos recursos que presta a sanidade pública.

O responsábel do BNG no Barbanza, Luís Pérez Barral, engadiu que no Centro de Saúde de Rianxo, dun total de oito facultativos, “só están traballando catro”; que en Boiro, dun total de doce hai tres sen cubrir; e na Pobra, de seis hai unha praza sen cubrir. “Especial mención merece Ribeira por estar nunha situación de colapso pois, dun total de catorce prazas de facultativos, hai seis sen cubrir co agravante da falta dende hai máis dun mes do facultativo que viña atendendo o Consultorio de Palmeira e que arestora está sendo atendido por un médico que se despraza dende o Centro de Saúde de Ribeira”, explicou, facendo un resumo da situación: “Temos catro centros de saúde cunha redución total de 14 facultativos, con servizos de pediatría insuficientes para a poboación á que hai que atender, con baixas e ausencias de persoal de enfermería que tampouco se cobren, con persoal de servizos xerais insuficiente e con dous consultorios periféricos pechados dende 2020 e outro, o de Palmeira, sen o único médico que o atende”.

Pérez engadiu que “as previsións do SERGAS son contratar tan só seis médicos dos catorce que faltan (2 para Ribeira, 2 para Rianxo, 1 para A Pobra e 1 para Boiro) que paliarían moi levemente a situación actual e seguirían quedando prazas sen cubrir na época estival na que a poboación dos catro concellos increméntase de xeito considerábel”.