Fin de semana con festas, carreiras, charlas, xuntanzas e teatro en Carreira, A Pobra, Rianxo, Boiro e O Son

Co comenzo de xuño a comarca empeza a recuperar as festas e encontros que serán a tónica durante todo o verán.
Esta fin de semana a parroquia ribeirense de Carreira celebra a festa da Virxe da Guía

Paralelamente este sábado dentro das Festas de Carreira celebrase a XVII carreira “Virxe da Guía”

En Ribeira celébrase este sábado a V Romaría Celtista en Coroso:

Na Pobra o Concello puxo en marcha o seu Campus de Emprendemento con Perspectiva de Xénero, un novo fito do traballo municipal a prol da cultura emprendedora, a innovación e da igualdade. O campus, que terá a súa sede no Centro de Coworking, vén da man da Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal que dirixe Charo Varela (Nós Pobra). Desenvolverase durante o mes de xuño. Segundo fixo saber a edil, “trátase dun proxecto formativo dirixido a mulleres seguindo a metodoloxía teórico-práctica e disponse dun total de 15 prazas”. Así o adiantaron a propia Varela; a técnica municipal desta área, Sara Sánchez; e Fátima Rodríguez, en representación de Promove, a empresa que se encarga da asistencia técnica.

En Boiro o Concello a través da área de Cultura, organiza unha xornada de amizade no Pazo de Goiáns que ten como obxectivo recoller coñecemento, historias e lendas da histórica construción e da súa contorna. A xornada será o sábado 4 de xuño a partir das 18.30 horas no propio pazo.

As actividades comezarán cunha exposición de instrumentos antigos galegos da Asociación Menestreis, con explicación dos instrumentos e demostración de como funcionan, e ás 19.00 horas está previsto un paseo botánico para todos os públicos polos xardíns da finca co biólogo Xulio Gutiérrez.

Ás 20.00 horas haberá un encontro-café, cunha pequena exhibición de café turco, para recoller vivencias e contos do Pazo con Os Quinquilláns, José Manuel Lijó e toda a veciñanza que queira aportar todo aquilo que coñece sobre a historia de Goiáns. O obxectivo desta xuntanza é “recoller coñecemento arredor da historia do pazo para despois realizar visitas teatralizadas”. A xornada rematará co concerto De Película da Banda de Música de Calo ás 22.00 horas.

As inscricións para a xornada poderán facerse na web municipal cubrindo un formulario online.

En Rianxo o grupo de teatro Airiños organiza unha función de teatro na sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo. Nesta ocasión convidan ao grupo Andaravía teatro a representar a obra Xacovedra este sábado 4 de xuño ás 21.00 horas.

A proposta forma parte da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Xacovedra foi escrita e dirixida por Manuel Cortés. É un espectáculo de variedades onde hai cancións e sketches. Nesta obra reflíctese, desde o humor, o presente e futuro do fenómeno socioeconómico que se produce con motivo do(s) Ano(s) Santo(s).

No Son esta fin de semana o deporte xuvenil será o protagonista. O motivo non será outro que a celebración da primeira entrega do Tríatlon de Menores que organizan o Concello, a Xunta e a FEGATRI e que dará cita a 350 participantes, cubrindo as categorías dende pre-benxamín até cadete.

 evento deportivo escolar desenvolverase o sábado 4 de xuño, con centro de operacións na dársena portuaria sonense (na fachada marítima acabada de remodelar e na céntrica praia do Cruceiro). As inscricións están abertas dende as 9.00 horas deste xoves 5 de maio.

As prazas dispoñíbeis son como dixemos 350. Cóbrense as categorías pre-benxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete (cada categoría contará con percorridos de diferentes lonxitudes).

O Tríatlon Escolar de Porto do Son inclúe unha proba de selección para o campionato por comunidades autónomas da categoría infantil.

As inscricións para o Tríatlon están abertas na web RockTheSport e tamén o están para a proba Nada e Corre (non competitiva).

Os detalles do evento foron dados a coñecer polo concelleiro Juan Pouso, quen salientou que se trata dunha das actividades deportivas punteiras deste verán en Porto do Son, xunto co Campionato de Taekwondo.