“En San Xoán, a sardiña pinga o pan” – Antón Luaces

Xa estamos na enleada. Velaí a triste realidade do sector pesqueiro galego e, máis concretamente, da pesca de baixura: hai sardiña e esta, aparentemente, en abundancia. Prezos?. Cantos se queiran: nas lonxas, entre 1 e 1,50 euros o quilo; nos mercados ou prazas de abastos, dende 7 a 15 euros o quilo. Todo vai no balbordo da festa de San Xoan, cando a sardiña é raíña da noite con pan de boroa ou cachelos. A sardiña, protagonista, tamén, das acusacións, das liortas e dos enfrontamentos. A sardiña como vehículo para culpar e desculpar. Galicia enteira cheira a sardiña e churrasco. É, a sardiña, ese obxecto desexado pola inmensa maioría do pobo, a que concita o interese dos mariñeiros porque lles permite un sorriso ao tempo que un cabreo contido: non mata a sardiña as carencias, pero axuda, e moito, a sobrelevar este mal tempo que a unha boa parte da sociedade toca vivir.

Un quilo de sardiña é para o barco que a vende na lonxa local arredor dun euro que debe ser repartido entre o armador, o patrón, o motorista e tres ou catro mariñeiros. No mercado, o prezo dese mesmo quilo de sardiña oscila entre os 5 e os 15 euros que han ser repartidos entre os peixeiros, os impostos municipais e, se acaso, o aluguer do local de venda do peixe: toca a máis, moito máis, que o que se reparte entre os que protagonizan o feito de as pescar, tendo en conta o custo do carburante do barco, os gatos que o propio barco carrexa, a seguridade social de cada tripulante, os seguros e, obviamente, a parte -sempre pequena parte- dos beneficios (¿) que deixan a bordo eses peixes azuis e de prata protagonistas hoxe especialmente da festa de San Xoán, a sardiña pinga o pan.

E evidente que este beneficio de verán sempre resulta ben recibido. Pero a sardiña é caprichosa, Vai e ven. Non fai ruco a ninguén, pero contribúe a afrontar con optimismo un verán incerto por moitos motivos. A sardiña pon un pouco de optimismo na vida dos pescador, do mariñeiro. Como a pon, tamén, na do consumidor, que goza con ela aínda que nada máis sexa o cheiro . Pero non se vive exclusivamente da sardiña. Por máis que esta contribúa a facilitar unha vida mellor durante unhas semanas.

Ás portas está o bonito, que complementará os beneficios que a sardiña deixe. Virán tamén o xurelo, o bocarte, a xarda… e moitas outras especies de altura. Pero sempre haberá na familia mariñeira un motivo de queixa porque non hai equiparación nos beneficios e a xente de mar non atopa nas distintas administración as respostas necesarias para, na percura da sustentabilidade da pesca, poder vivir dela.

Pinga o pan, pinga. A sardiña sempre pinga algo. Pero nunca a conta corrente do mariñeiro (cando este ten esa conta que non ve nin ule).

Que sexa boa festa, malia todo-