En Ribeira detido un mozo acusado de roubo con violencia nun supermercado

A Policía Nacional de Ribeira detivo na madrugada de onte a un mozo de 28 anos e natural da Pobra, ao que lle atribúe a presunta comisión dun delito de roubo con violencia. Os feitos que se lle atribúen nesta ocasión consistiron nun roubo con violencia no supermercado Froiz, situado na parte alta da Avenida Rosalía de Castro, no centro urbano ribeirense, de onde en varias ocasións anteriores levouse outros produtos, pero non fose denunciado por iso. A. R.S. accedeu ao establecemento e levouse dúas follas de bacallau, valoradas nuns 35 euros.

O individuo foi interceptado pola encargada, momento no que o ladrón a empuxou e saiu á rúa. Unha patrulla localizou o individuo na confluencia da Rúa do Sal co Malecón, e foi trasladado aos calabozos da comisaría.

Segundo parece trátase do mesmo individuo que a Policía Local arrestou o pasado martes cando estaba en busca e captura como suposto autor do roubo dun bolso polo método do tirón a unha muller que se atopaba abrindo o portal dun edificio nas Rúa Mendiño, en pleno centro urbano da capital barbancesa. Ao día seguinte pasou ao dispor da titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 3 de Ribeira, que decretou a súa posta en liberdade con cargos, pois segue investigado por un roubo con forza.

O agora detido é o mesmo que desde facía varias semanas presuntamente estaba a perpetrar estafas na cidade, ofrecendo a algúns viandantes polbo pero o que realmente contiña era area ou terra.