A Deputación celebra o Día da Diversidade cun congreso e o documental “Noite irisada” (con proxeccións en Noia, Rianxo, A Pobra e Ribeira)

O Pazo de Mariñán (Bergondo) acolleu este 10 de xuño a primeira xornada do II Congreso A Memoria Diversa, unha das actividades de Liberdade de ser e de sentir, a campaña que a área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsa co gallo do 28 de xuño, Día da Diversidade Sexual. O obxectivo é “sensibilizar sobre a importancia da tolerancia e a igualdade, con independencia da súa orientación sexual e identidade de xénero”. Este sábado celebrarase a segunda das dúas xornadas do simposio.

O programa comezou co relatorio A nosa memoria tamén é diversa, no que interviñeron a responsábel provincial de Igualdade, María Muíño, e Marcos Gabriel López, comisario dun congreso que, en palabras de Muíño, “pon fronte a fronte o pasado co presente, mais tamén co futuro, e permítenos coñecer e partillar espazos con persoas que, coa súa experiencia e coa súa loita, marcaron o camiño do recoñecemento e da dignidade”.

A deputada tamén se referiu a importancia doutra das actividades da campaña Liberdade de ser e de sentir: a proxección de Noite irisada, o documental de Bea G. Campaña, obra singular e única sobre a temática LGBTI no contexto histórico do audiovisual galego, que recolle as testemuñas das protagonistas polos dereitos das persoas diversas sexualmente. A película conta a historia dunha loita non exenta de represión, coa data de referencia do 28 de xuño de 1981, cando se celebrou en Vigo a primeira manifestación do Día do Orgullo organizada polos colectivos activistas de gays e lesbianas de Galicia. O filme chegará ao alumnado de catro centros de ensino e terá outras oito proxeccións abertas ao público en xeral: en Narón, o 24 de maio (ás 12.30 horas no IES As Telleiras); Culleredo, o 27 de maio (11.30, na Universidade Laboral); Betanzos, o 10 de xuño (Cine Alfonsetti, hora por confirmar); Noia, o 21 de xuño (10.30, IES Campo de San Alberto); Carballo, o 11 de xuño (20.00, Pazo da Cultura); Arteixo, o 21 de xuño (17.00, Auditorio do Centro Tecnolóxico); Teo, o 25 de xuño (19.30, Biblioteca dos Tilos); A Pobra, o 26 de xuño (20.30, Teatro Elma); Fene, o 29 de xuño (19.00, Casa da Cultura); Oleiros, o 30 de xuño (20.30, Auditorio da Fábrica); Ribeira, o 2 de xullo (20.00, Salón de Actos do Conservatorio Municipal); e Rianxo, o 3 de xullo (22.00, no Auditorio Municipal).

Programa do Congreso A Memoria Diversa para o sábado 11

10.30. Presentación do libro “Memoria diversa”, de Eva Mejuto, a quen acompañará a deputada María Muíño.

11.00. Do que non se fala, non existe, con Nanina Santos Castroviejo, cofundadora da Asociación Galega da Muller (AGM) e integrante da revista Andaina.

11.30. E ademais, maricón, co escritor Lois Diéguez. Presenta e modera a escritora Eva Mejuto.

12.15. Maiores LGBT: A xeración silenciada, con Federico Armenteros, presidente da Fundación 26 diciembre, e Trinidad Falcés, activista LGBT, Premio Elisa e Marcela. Presenta e modera, Fito Ferreiro, da Asociación Palestra.

16.30. Os inicios do movemento LGBT galego, con Quique Costas, membro do Colectivo Gai de Compostela; Magolla Sande, promotora do Colectivo de Feministas Independentes de Santiago; Vicente Montoto, membro do Colectivo Gai de Compostela; e Xabier Mañón, membro do Colectivo Gai de Vigo. Presenta e modera: Bárbara Vilariño, de Les Coruña.

18.15. Os anos da SIDA, con Nacho Iglesias, traballador social e membro do Comité Galego AntiSIDA de Santiago. Presenta e modera: Xandre Garrido, da Asociación Avante LGBT+.

19.15. Concerto Transpirando, de O Rabelo.