Santos Oujo recibiu a Medalla de Ouro de Ribeira nun acto no que se ensalzou a súa dimensión política, cultural e empresarial

07 Maio 2022

Santos Oujo Bello xa ten no seu poder a medalla de Ouro de Ribeira, recibida de mans do alcalde do Concello. Nun acto solemne celebrado este mediodía no salón de plenos, cheo para a ocasión, este veciño de Santa Uxía nacido no ano 1943 vén de recibir tal distinción en base aos seus méritos no eido político, empresarial e cultural, engrosando una nómina na que figuran deportistas como Álex Vidal, Ana Peleteiro, María Vilas, Fran e José Ramón, ou políticos como os catro alcaldes que precederon a Ruiz Rivas na etapa democrática.

Precisamente foi un deles, Xosé Antonio Ventoso Mariño, rexedor do municipio entre 1983 e 1987 e compañeiro de Santos Oujo no Parlamento de Galicia, quen inaugurou a rolda de intervencións
(antes, o secretario xeral do Concello, Juan Salguero, lera o acordo plenario polo que se decidiu outorgar por unanimidade a Medalla) trazando unha semblanza do homenaxeado. Ventoso definiu a Oujo
como un “home atípico de Ribeira, calado, prudente e non dado ao espectáculo”. Lembrou que foi un dos primeiros galegos en acadar o título de enxeñeiro de Comunicación, marchando despois aos Estados Unidos da man de Telefónica para traballar no disruptivo campo da información por satélite, onde colaborou incluso coa NASA.

Tras o seu paso por Madrid, decide regresar a Galicia como delegado de Telefónica en Ourense ata que é convencido por Eulogio Gómez Franqueira, unha das principais figuras da UCD, para entrar en política.
Ventoso destacou tres iniciativas impulsadas por Santos Oujo na súa etapa no Parlamento: impulsar a creación do Plan Integral para o Xacobeo, do Hospital do Barbanza e da Fundación Valle-Inclán. Xa
como Conselleiro de Industria, Comercio e Turismo preocupouse pola creación dunha marca Galicia coa que promocionar a nosa artesanía, xoeiría, etc, ou a creación de oficinas turísticas en Ribeira e Olveira,
ademais de avogar pola fundación na comarca dunha Federación de Empresarios de Barbanza. Unha vez retirado funda xunto con Juan e Tucho Lijó o centro cívico que é o Ateneo Valle-Inclán. “Aínda que parece que non se move, Santos é como un planeta: sempre está dando voltas e sempre está xirando arredor dun sol”, manifestou.

Acto seguido tivo lugar a entrega por parte do alcalde Manuel Ruiz da Medalla de Ribeira ao homenaxeado, amén dun broche co escudo do Concello e o diploma acreditativo da distinción. Tomou entón a palabra Santos Oujo, quen expresou o seu agradecemento cordial e sincero pola aprobación unánime no seo da Corporación para a concesión desta Medalla. “Eu que participei en centos de votacións no Parlamento de Galicia, a que máis pracer me dou, máis gusto, máis recoñecemento e máis orgullo foi unha votación na que non estaba eu presente”, manifestou.
Durante a súa intervención (emotiva e por momentos riseña), tivo palabras de recordo para Pepe Alonso, quen o iniciou na astronomía, e para o seu avó, cuxos sabios consellos tería sempre presente na vida. Relatou anécdotas da súa experiencia académica, empresarial, política e cultural, para rematar relatando a súa entrada na denominada terceira idade e con palabras de agarimo para a súa
dona.
O último en intervir antes de que Santos Oujo asinase no libro de honra foi o alcalde Manuel Ruiz, quen ensalzou todo o que Santos Oujo fixo a prol de Ribeira ao longo da súa traxectoria política (engadiu a creación da ITV a relación de logros antes apuntados) e manifestando que alí onde estivese sempre loitou polo seu concello, ao que sempre tivo como o sol arredor do que xiraba a órbita da súa vida. Así mesmo, expresou a súa confianza en que contrariamente ao dito de que calquera tempo pasado foi mellor, Oujo aínda ten moito que aportar á sociedade.
Entre as autoridades presentes figuraban, ademais dos antes apuntados, edís tanto desta como da anterior Corporación, os ex alcaldes José Luis Torres e Isaac Maceiras (este último da Pobra), o
fillo predilecto Manuel Ayaso, o novo Capitán Marítimo de Vilagarcía , o xefe da Policía Local, ou responsables de distintas asociacións e da xunta directiva do Ateneo Valle-Inclán que preside Santos Oujo.
Miguel González, estudante do Conservatorio ‘Enrique Paisal’, puxo a nota musical con tres pezas de Bizet, Chopin e Shostakóvich.

Outros artigos

Barbanza Arousa recibe as primeiras adhesións ao SICTED

A Mancomunidade Barbanza Arousa, en consonancia coa súa estratexia de colaboración público-privada, continúa este ano coa implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, SICTED, entre os axentes turísticos do territorio. Nesta ocasión, a primeira...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Celebrando a  Rosalía de Castro”. Antía Pereira

“Celebrando a Rosalía de Castro”. Antía Pereira

“Celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move. Poucas figuras concitan ó seu redor a unanimidade que convoca Rosalía. E iso en boa medida porque ela soubo tocar as cordas, unha a unha, aínda que fose de distinto...