O Consistorio de Ribeira acolleu a presentación de “Lúa nova”, a novela gañadora do VIII concurso local de novela curta

O salón de plenos da Casa Consistorial de Ribeira acolleu este 26 de maio a presentación da obra gañadora da oitava edición do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira. Trátase de Lúa nova, o debut literario da xornalista Irene Montero (Ferrol, 1970). No acto participaron o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, do director de Edicións Xerais, Fran Alonso, e a propia autora. Lúa nova narra a historia de Lúa Lóngora, unha pianista cega de nacemento que é recoñecida e admirada no mundo enteiro.

Fran Alonso manifestou que “é unha novela sobre a discapacidade que conta unha historia de superación e que nos abre os ollos sobre unha realidade tantas veces descoñecida”.

Irene Montero, pola súa banda, fixo saber “que foi unha obra escrita con moito camiño e que quere invitar a reflexionar”. Pechou o acto o alcalde, quen amosou a súa satisfacción por estes premios posto que “investir en cultura significa investir en nós mesmos”, e manifestou que “este tipo de novelas de compromiso social axudan a comprender o que está pasando moita xente pero á vez como se agudizan as capacidades ante as dificultades”.

Alcalde e director de Xerais asinaron o convenio de colaboración para lanzar a convocatoria da novena edición do Concurso de Novela Curta, de carácter bienal, antes de agasallar aos membros do xurado que dirimiron esta convocatoria á que se presentaron 29 obras. O acto rematou coa sinatura de exemplares ao público que se congregou no salón de plenos.

Tres alumnas de piano do Conservatorio puxeron o acompañamento musical ao evento con pezas de Dvořák (Humoresque) e Bart Howard (Fly me to the moon): Xulia Rivas, Andrea Arevalillo e Raquel Ben.