Máis actividades na Pobra para divulgar entre a rapazada a cultura e o patrimonio da localidade

Ao abeiro do programa de divulgación do Concello da Pobra destinado a incrementar o coñecemento que as e os escolares do municipio teñen da cultura e do patrimonio locais, este xoves 26 de maio proseguiron os itinerarios didácticos guiados impulsados pola área de Cultura.

Neste 26 de maio foi a quenda de dous grupos de 3.° da primaria do CEP Salustiano Rey Eiras: no Museo Valle-Inclán puideron coñecer a historia do inmóbel e datos sobre a vida e obra do escritor Ramón del Valle-Inclán da man da técnica da institución museística, Araceli Abad.

Amais, unha das técnicas do Turismo do Concello, Ángeles Tubío, ofreceu á rapazada un percorrido guiado polo patrimonio, achegándose a espazos como o Cantón da Leña, a praza Victoriano García Martí, a casa do concello ou Villa Eugenia, entre outros.