As Illas Atlanticas acollerán actividades de inserción laboral de EmpregaVerde

O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, do que forma parte o arquipélago de Sálvora (Ribeira), vén de ser seleccionado para acoller o desenvolvemento da iniciativa estatal de emprendemento económico e integración social EmpregaVerde (EmpleaVerde). Formará parte dun conxunto de parques nacionais a prol da inclusión laboral do que tamén forman parte Doñana en Andalucía e Monfragüe en Estremadura.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, recibiu esta semana ao director xeral da asociación da nosa comarca Amicos, Xoán España, que lle presentou as distintas actividades e actuacións que se levarán a cabo e liderará en Galicia a entidade con sedes en Ribeira e Boiro.

Segundo lembrou España, EmpregaVerde aposta pola formación, o apoio e o asesoramento para “propiciar a inserción laboral das persoas desempregadas” (pensando tamén “naquelas en situación de vulnerabilidade social ou con maiores dificultades, como as persoas con discapacidade”) e ofrecéndolles unha oportunidade naqueles traballos ou oficios que garden relación coa conservación da natureza e o medio natural.

Ademais de ofrecer cursos de guiado de rutas ou espazos turísticos e de interpretación do patrimonio natural, tamén se abordarán cuestións como o ecomarketing, co que deseñar e comercializar paquetes turísticos responsables en Galicia.

Do Campo puxo en valor este tipo de iniciativas que agrupan as oportunidades de emprego e a conservación do medio natural e defendeu “que o Goberno galego será un aliado naqueles proxectos que defendan un uso sustentábel e respectuoso do medio ambiente”.