Amicos estrea tres proxectos centrados nos empregos verdes

A asociación comarcal Amicos estreou tres proxectos dentro do programa Empregaverde da Fundación Biodiversidade. Segundo informou a entidade de persoas con diversidades funcionais e motrices, o obxectivo común de todos eles é “inserir laboralmente a máis do 22% dos participantes totais nos programas relacionados coa economía sustentábel e relacionada co medio natural”. Para isto, contarán co apoio e o acompañamento do equipo de orientación e emprego da asociación.

As zonas de actuación dos proxectos serán as Rías Baixas de Galicia, poñendo especial atención no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e no Parque Nacional de Corrubedo, a devesa extremeña e o Parque Nacional de Monfragüe, así como a zona máis occidental de Andalucía, con especial atención ao Parque Nacional de Doñana, ao Parque Nacional da Baía de Cádiz e o Parque Nacional do Estreito de Xibraltar.

Un dos proxectos é o denominado Intercostas II: Turismo costero sostenible, no que se desenvolverá nove accións formativas repartidas entre Galicia e Andalucía que abranguerán temáticas como a necesidade de fomentar o turismo responsábel ao abeiro dos espazos naturais protexidos. Para isto, conta coa colaboración do PNMT das Illas Atlánticas de Galicia e o PN de Doñana, espacios nos que se impartirán algunhas das prácticas formativas.

O segundo proxecto é o titulado New Forest: mitigación y adaptación al cambio climático en espazos naturales, que pretende capacitar ás persoas desempregadas na xestión da mitigación e adaptación ao cambio climático a través da realización de catro itinerarios formativos para a posta en valor do medio natural e rural. A finalidade é “xerar novas oportunidades de emprego verde en zonas demograficamente deprimidas”, sinalaron fontes de Amicos, engadindo que para lograr os resultados agardados, cóntase co apoio do PNMT das Illas Atlánticas de Galicia e a Fundación Dolores Bas de Arus de Estremadura.

A maiores, o proxecto Innova-Emprego: Experiencias de innovación local para o emprego pon o foco na innovación para a inserción laboral. As persoas participantes recibirán formación, asesoramento e acompañamento de bade adaptados ás características territoriais, ao perfil de cada persoa e as súas necesidades. O itinerario que ofrece o programa está completamente ligado aos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS), pois os participantes serán formados para actuar como axentes dinamizadores dos ODS nos seus territorios. Deste xeito, sinala Amicos, “crearase conciencia sobre a necesidade de xerar novos empregos relacionados coa economía verde e a innovación social que poidan ser liderados por persoas con discapacidade intelectual”.

Innova-Emprego tamén impulsa o esforzo entre entidades para xerar unha rede de traballo nacional para a procura, detección e impulso de oportunidades de emprego verde ou azul adaptado. Con esta finalidade, Amicos contará coa colaboración directa da asociación gaditana ASANSULL, o PNMT das Illas Atlánticas de Galicia e a empresa estremeña Insertus.

Os tres proxectos contan coa colaboración da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Emprega Verde, financiado polo Fondo Social Europeo.