A Asociación Francisco Lorenzo Mariño organiza esta “finde” a súa XVII Semana Cultural

A Asociación Francisco Lorenzo Mariño, con sede en Aguiño (Ribeira) compartiu o programa da XVII edición da súa Semana Cultural. Desenvolverase esta última fin de semana de maio, os días 27, 28, e 29 de maio (venres, sábado e domingo), logo de que tivese que ser adiada en xaneiro por mor da crise da COVID. Esta nova entrega da Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño estará adicada a un destacado veciño da parroquia, o teólogo, escritor e investigador Andrés Torres Queiruga.

Segundo informou Unai González (directivo da AFLM) na presentación do cartel, as actividades previstas serán todas de balde. Comezarán este venres 27, no Conservatorio-Aula de Música de Aguiño, ás 20.30 horas, cunha Xornada de Homenaxe a Andrés Torres Queiruga e co relatorio Seguindo as pegadas de Andrés, a cargo de Xosé Manuel Pensado Figueiras, párroco de Mazaricos. De seguido virá a vertente musical da xornada, a cargo de Iago Teira Razafisoa. Ao rematar servirase un viño galego.

Ao día seguinte, sábado 28, será a quenda do humorista e actor Duarte Galbán, que achegará (a patir das 20.30 horas no Conservatorio-Aula de Música de Aguiño) o monólogo Vello aos vinte e pico.

Polo que se refire ao domingo 29, a música para as familias será a protagonista dunha xeira que dará comezo ás 19.00 no mesmo escenario có resto das actividades. Actuará un dos máis destacados artistas musicais do panorama galego: o home orquestra Paco Nogueiras, que traerá o seu espectáculo Radio Bule-Bule.