A Mancomunidade Barbanza Arousa e a Asociación de Amigos do Camiño do Barbanza informaron do remate dos traballos para sinalizar o percorrido íntegro do Camiño do Santiago na nosa comarca, A Orixe, ao seu paso polos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.
Este conxunto de sinais supón, en palabras das ditas entidades, “o pistoletazo de saída para este ano Xacobeo 2022 que será definitivo no impulso desta ruta xacobea” e grazas ao cal prevese que no mes de xuño cheguen “importantes grupos de peregrinos para gozar da beleza incomparábel que ofrece esta andaina”.

A Mancomunidade engade que a dotación do Camiño con esta infraestrutura resulta “fundamental” para a orientación dos peregrinos e camiñantes que se achegan a Barbanza Arousa para coñecer de primeira man a experiencia desta peregrinación xunto ao mar.
Barbanza Arousa engade que as persoas que desexen máis información sobre o Camiño do Barbanza, A Orixe, poden atopala no apartado específico da ruta na web da Mancomunidade, onde está dispoñíbel para a súa descarga unha completa guía das etapas do Camiño e os tracks do percorrido.