A Mancomunidade Barbanza informou do remate da fase consultiva relativa aos Plans de Sustentabilidade Turística convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. As sesións celebráronse ao longo desta semana e tiveron formato de mesas de traballo con diversas entidades da comarca. Foron o paso previo á elaboración da proposta da mancomunidade para os ditos plans.
As xuntanzas de traballo desenvolvéronse nos concellos da Pobra do Caramiñal e Boiro, e foron quen de convocar unha ampla representación de todos os subsectores turísticos como restauración, turismo rural, adegas, náuticos, apartamentos turísticos, guías de turismo, empresas de ocio activo, así como aos representantes das asociacións empresariais do territorio. A mancomunidade agradeceu o “gran esforzo feito por todos os asistentes ás mesas de traballo, polas súas importantes contribucións á mellora do noso destino turístico”.
Estas mesas de traballo completaron a fase consultiva inicial na que tamén se realizaron entrevistas en profundidade a diferentes axentes turísticos e representantes municipais.
Barbanza Arousa lembra que a convocatoria extraordinaria dos Plans de Sustentabilidade Turística, incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado abriuse o pasado día 1 de abril, podendo remitirse propostas ata o día 17 de maio.
A Mancomunidade pon a disposición das empresas que non puideron participar destas mesas o correo electrónico info@barbanzarousa.gal para que poidan realizar as súas contribucións e lembra que hai dispoñíbel unha enquisa online para as empresas turísticas que queiran dar a súa visión sobre determinados aspectos do destino.
