O Concello de Rianxo e a Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) veñen de informar da posta en marcha da campaña Bonos Rianxo, unha iniciativa de revitalización comercial e social que aposta de cheo polo tecido produtivo do termo municipal e por recompensar con importantes incentivos o compromiso da cidadanía cos comercios e establecementos da súa contorna. A adhesión dos establecementos colaboradores estará aberta até o 12 de maio.

En concreto, esta campaña do Concello de Rianxo en colaboración coa Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) ten como obxectivo “incentivar o consumo nos establecementos retallistas para a venda de produtos e a oferta de servizos reforzando a competitividade do sector”.
A iniciativa conta con 15.000 euros para a emisión de 500 paquetes de bonos, os cales poderán empregarse ata o 30 de xuño de 2022, rematada esta data os bonos non trocados caducarán.
Quen precise máis información, tena explicada polo miúdo na web da ARE a través de dúas canles: unha para os comerciantes (onde se lles recorda que poden adherirse até o día 12) e outra para clientes (cuxo prazo de solicitudes comezará en datas vindeiras).