
Non serei eu quen negue a existencia de dificultades no refrotamento do pesqueiro “Villa de Pitanxo” afundido vai mes e medio en augas de Terranova co triste saldo de 21 tripulantes mortos e 3 sobreviventes. Pero tampouco vou ser quen afirme con rotundidade que, unha vez localizado o pecio, non se poida recuperar o buque ou, cando menos, penetrar no interior del con medios que, a día de hoxe, non son inusuais nas augas árticas.
Explícome: representantes do Goberno español (en concreto o delegado do Goberno en Galicia) e os máximos responsables da Dirección Xeral da Mariña Mercante e da dirección da Sociedade Estatal de Salvamento Marítimo, insinuaron recentemente en Pontevedra que daban por pechado todo o proceso de busca do buque arrastreiro de Marín afundido a 250 millas da illa terranovense. Deste xeito pecharon aos familiares das vítimas toda posibilidade de recuperar os corpos dos doce mariñeiros mortos (inicialmente desaparecidos).
Non hai máis voltas: Canadá dixo non, o Goberno español dixo non, a Unión Europea non sabe/non contesta, e a organización pesqueira NAFO, baixo cuxa autorización faenaban naquelas augas os traballadores que tripulaban o “Villa de Pitanxo”, nin chía nin toa. E así vai a boia.
Hai motivos que xustifiquen a denegación de auxilio ás familias deses doce mariñeiros finados nese tráxico accidente que demandan a súa busca?.
Após escoitar centos de opinións de significados mariñeiros que, durante anos, tiveron o mar de Terranova como cama, tiro a conclusión de que de non ser por aforrar cartos, sabedores de que non van atopalos -evidentemente- con vida, e que posiblemente nen siquera estean todos os mortos no interior do pesqueiro, só ese aforro serve para calar as conciencias de aqueles que teñen a obriga de decidir. O máis doado, polo tanto, é deixalo pasar, dar largas cambiadas e decir que chove e venta e neva no caladoiro terranovense.
E non é tal: existen ROV (vehículo submariño operado a distancia) cuxa actuación unha vez se localizara o pecio do barco de Marín, serían quen de inspeccionalo exterior e mesmo interiormente -sen que isto signifique que poderían chegar a absolutamente todo o interior do buque afundido- para dar detalles sobre si unha inmersión deste tipo vale ou non a pena. Pero polo menos inténtalo. Cousas tan difíciles ou máis se fixeron en mares tan perigosos coma os de Terranova.
Un vehículo submariño non tripulado ou ROV non é máis -tampouco menos- ca un pequeno submariño que alguén especializado manexa ou manipula a distancia ou, por dicilo máis certamente, por control remoto, xeralmente guiado por un cable, a diferenza do robot ou vehículo submariño autónomo (AUV).
Dito claramente: a máquina, o medio, existe.
Máis aínda: existen ROV que poden descender a uns 6.000 metros de profundidade e soportar presións de ata 600 bares (un bar equivale a 100.000 Pa (pascal) e ven ser utilizado xeralmente coma unidade de medida de presión. Equivale aproximadamente a unha atmosfera (1 atm.).
No mundo occidental existen máis ou menos unhas 2.000 máquinas como as citadas, e o 35% delas foron empregadas no mar do Norte.
Polo tanto, se hai 2.000 ROV no mundo, non seremos quen en España de contratar os servizos dun deles?. É posible que non exista en España un destes vehículos submariños que poida descender ata o lugar no que está afundido o “Villa de Pitanxo” con todos ou parte dos seus tripulantes mortos a bordo?.
Por se interesa: O Instituto Español de Oceanografía (IEO) dispón dende o ano 2020 dun vehículo submariño (de nome LanderPick) que pode operar a profundidades de ata 3.000 metros. Este vehículo permite despregar e recuperar instrumental oceanográfico no fondo mariño para monitorizar a longo prazo áreas protexidas.
Coida o lector que o tal vehículo só pode facer o labor que citamos, non pode monitorizar o “Villa de Pitanxo”?. Non saben Mariña Mercante ou Salvamento Marítimo deste material tan sumamente valioso para empregar en casos excepcionais como o que nos ocupa?. Pode alguén ocultar esta evidencia e as outras sinaladas?.
Se estou errado, que probablemente o estea nesta miña apreciación, pido de antemán desculpas. Pero de non ser así, tomen unha determinación: busquen aos mortos. As súas familias van agradecerllelo. Seguro.