O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou de que se confirmou en Galicia o primeiro caso de salmonelosis nun neno que “encaixa” coa alerta sanitaria existente en relación co consumo de ovos Kinder.
No tocante aos outros dous supostos sospeitosos, remitíronse as mostras ao Ministerio de Sanidade para que se analicen no Centro Nacional de Microbiología. Con todo, García Comesaña quixo mandar unha “mensaxe de tranquilidade”, dado que é unha patoloxía que se deriva desta infección que, “afortunadamente, está controlada”. Pide que nos produtos deses lotes non se consuman, aínda que a cadea loxística está a retiralos grazas ao traballado de autoridades sanitarias para que “non haxa máis galegos” contaxiados.

Tras a alerta comunicada polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade sobre a asociación de salmonelose cunha determinada partida de ovos de chocolate, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade emitiu un comunicado ás áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde e ás xefaturas territoriais da consellería, co alcance da alerta e o procedemento de actuación.Dentro das accións de vixilancia incluíuse a procura activa de casos relacionados (ademais da retirada dos lotes correspondentes do produto obxecto da alerta). Con este procedemento identificáronse tres posibles casos dos que, a día de hoxe, só un foi confirmado. Trátase dun menor, da área sanitaria de Lugo, que xa foi dado de alta. Os outros dous casos están en estudo e pendentes de confirmar a súa relación directa coa inxesta deste produto.
Ao respecto desta alerta, o orixe da mesma sitúase no momento no que a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición tivo coñecemento, a través da Rede de Alerta Alimentaria Europea, dunha notificación relativa á retirada precautoria de lotes de determinados produtos fabricados en Bélxica e distribuídos en diferentes países.