A unión entre o Camiño de Santiago e o termalismo para facer de Galicia un destino turístico único

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, participou na presentación do libro Balnearios nos Camiños de Santiago en Galicia, elaborado na Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia. foto xoán crespo

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, define ao Camiño de Santiago e o termalismo como dúas das fortalezas do turismo galego que distinguen á comunidade como un destino seguro, de calidade e sustentable e, en definitiva, un destino único que permite que Galicia estea de moda.
Por iso, indicou en que ambos recursos teñen un papel clave neste Xacobeo 21-22 para contribuír á reactivación do turismo galego porque, en conxunto, outorgan un plus para atraer visitantes que están a buscar tras a pandemia do coronavirus desfrutar de propostas pouco masificadas vencelladas coa natureza e os espazos abertos ou a saúde.
Así o destacou hoxe na presentación de Balnearios nos Camiños de Santiago en Galicia, unha publicación da Cátedra de Hidroloxía Médica, USC-Balnearios de Galicia, dirixida polo muradano profesor emérito Juan Jesús Gestal que recolle a oferta termal galega a través das diferentes rutas xacobeas e, por tanto, os lugares nos que os peregrinos poden descansar no seu camiño ata Compostela.
A Xunta apoia desde 2014 a actividade de investigación e de divulgación no ámbito termal que leva a cabo a Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) cunha achega anual de 40.000 euros. Esta colaboración supuxo un investimento nos últimos anos de máis de 350.000 euros e vén de renovarse ata 2025.
Ademais de dar resposta ás demandas actuais dos viaxeiros, Alfonso Rueda engadiu que o termalismo e o Camiño de Santiago son dous produtos turísticos que axudan a conformar unha oferta turística diferenciada. No caso do turismo termal, explicou tamén que permite avanzar na desestacionalización turística e na creación de novas experiencias turísticas, ademais de apostar por un viaxeiro cun maior valor engadido.
Galicia é a primeira potencia termal de España cunha vintena de centros de balneoterapia e case 3.000 prazas, polo que este sector -explicou- axuda a consolidar Galicia como destino de calidade, xa que case o 70% dos establecementos deste tipo son de alta gama e a comunidade galega tamén lidera o ranking de balnearios con Q de calidade turística, con 6 dos 26 de toda España.
O Goberno galego apoiou a reactivación deste sector con programas como Verán Termal ou a súa prolongación Outono Termal, que supuxeron un investimento de 175.000 euros para estadías en balnearios. Tamén incluíu estancias deste tipo a iniciativa Elixe Galicia, que contou cunha achega 1,3 millóns de euros o ano pasado.
A estes investimentos súmanse outros 1,3 millóns de euros destinados ao Plan ordinario de Sustentabilidade Turística en Destino Ourense Termal co obxectivo de crear emprego na provincia ourensá arredor do termalismo con actuacións previstas para os próximos tres anos. E para o período 2023-2026, a Xunta apoiará actuacións relacionadas co termalismo no marco do terceiro Plan Territorial de Desenvolvemento Turístico en Destino financiado con fondos europeos Next Generation, no que apostará polas vilas termais e cascos históricos.
Por outra parte, Galicia foi pioneira en España á hora de ordenar o uso lúdico das augas termais, a través da Lei 8/2019 de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais. A Xunta tamén dou cumprimento ás accións do Plan Termal 2021-2020 para posicionar Galicia como destino termal e apoia a promoción do termalismo en feiras especializadas como Termatalia.