A Corporación de Boiro aproba a ordenanza reguladora da taxa por aproveitamento da vía pública con caixeiros

O Concello de Boiro celebrou este xoves 28 o pleno ordinario da Corporación correspondente ao mes de abril. A sesión contou cun total de 16 membros da Corporación ao ausentarse un dos concelleiros do PP. Entre os acordos máis destacados figurou a aprobación (por unanimidade) da ordenanza fiscal reguladora da taxa por aproveitamentos especiais da vía pública con caixeiros automáticos e outros elementos análogos. Consistiu nunha proposta achegada equipo de Goberno local que “respondeu aos principios de bo regulamento” e que tivo como obxecto específico “regular os aproveitamentos da vía pública e terreos de dominio público con caixeiros automáticos e outros elementos empregados polas entidades financeiras para prestar os seus servizos”. O borrador da ordenanza regula tamén a contía das taxas, para as que se tiveron en conta as ordenanzas para a mesma finalidade coas que contan municipios limítrofes. Deste xeito, o prezo por caixeiro automático ao ano será de 1.584 euros ou de 132 euros mensuais.

A sesión pode verse íntegra na seguinte ligazón da canle de YouTube do Concello.

Orde do día:

1. Aprobación da acta da sesión anterior – retirado da orde do día por un erro.

2. Aprobación, se procede, da Declaración institucional do Concello de Boiro en relación co naufraxio do buque “Villa de Pitanxo” – aprobación por unanimidade (16 votos a favor).

3. Aprobación inicial, se procede, do ditame da ordenanza fiscal reguladora da taxa por aproveitamentos especiais da vía pública con caixeiros automáticos e outros elementos análogos aos edificios e con acceso directo dende a vía pública – aprobación por unanimidade (16 votos a favor).

4. Aprobación, se procede, sobre a baixa no inventario municipal de bens do Concello de Boiro, en cumprimento senteza 00655/2020 ditada pola sección 2ª da Sala do Contencioso- administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia – aprobación con 12 votos a favor (PP, PSOE, Boiro Novo, non adscrito) e 3 abstencións (BNG, IC Boiro) *ausencia dun concelleiro do PP na votación.

5. Aprobación, se procede, do ditame do Regulamento de honras e distincións do corpo da Policía Local e emerxencias – aprobado con 10 votos a favor (PSOE, BNG, Boiro Novo, IC Boiro, non adscrito) e 6 abstencións (PP).

6. Aprobación, se procede, da moción do grupo municipal do BNG sobre o acondicionamento e arranxo do lavadoiro de San – aprobación por unanimidade (16 votos a favor).

7. Aprobación, se procede, da moción do grupo municipal do BNG sobre actuacións a impulsar polos gobernos galego e central para mitigar o impacto do medre disparado da inflación na sociedade e economía galegas – aprobación con 10 votos a favor (PP, BNG, Boiro Novo, IC Boiro), 5 votos en contra (PSOE) e 1 abstención (non adscrito).

8. Aprobación, se procede, da moción do grupo municipal do BNG de apoio ao pobo saharauí – aprobación con 11 votos a favor (PP, BNG, Boiro Novo, IC Boiro, non adscrito) e 5 votos en contra (PSOE).

9. Aprobación, se procede, da moción de IC Boiro sobre o mantemento do sendeiro do río Breiro – aprobación con 14 votos a favor (PP, PSOE, BNG, Boiro Novo, IC Boiro, non adscrito) e 2 abstencións (BNG).

10. Aprobación, se procede, da moción de Boiro Novo, para a adhesión do Concello de Boiro á rede de cidades pola bicicleta – aprobación por unanimidade (16 votos a favor).

Logo da quenda de rogos e preguntas déuselle a palabra ao Club de Voleibol, que solicitou a súa intervención no pleno para explicar a situación do club e realizar preguntas ao goberno local, ás que deu resposta o alcalde José Ramón Romero.