A AEPuebla critica o que considera unha falta de apoios do Concello para as súas campañas

A Asociación de Empresarios da Pobra (AEPuebla) vén de pór en marcha unha serie de acordos con motivo da situación na que se atopa o tecido produtivo local que representa a entidade, “unha mala saúde empresarial derivada da crise da COVID que deriva no peche de negocios nos sectores do comercio e a hostalería e que ten consecuencias directivas na propia asociación e no concello”, xerando graves problemas económicos. Con esta situación, a patronal decidiu reunirse en xunta directiva “ao obxecto de xerar solucións alternativas ao gravo problema no que nos atopamos”. Froito desta xuntanza, os directivos da asociación acordaron os seguintes puntos que reproducimos:

1- “Felicitar aos empresarios do Polígono Industrial así como a Frigoríficos Puebla e a Suministros Barbanza pola atención emprestada no mes de decembro ante a nosa solicitude de colaboración económica, co obxectivo de facer realidade as campañas de Nadal do sector do comercio e a hostalería”.

2- “Felicitar ao novos avogado e membro directivo Carlos A. Marqués por atender de forma gratuíta os problemas xurídicos solicitados polos asociados”.

3- “De igual maneira que os alcaldes da nosa comarca colaboran economicamente coas súas asociacións correspondentes con importes de 30.000 e 35.000 euros, facilitando así as súas actividades, nesta mesma liña dende a Asociación Empresarios Puebla pedimos ao noso alcalde, con data de 9 de novembro, a súa colaboración económica, co obxectivo de cubrir as necesidades e posibilitar as campañas de Nadal. Sen resposta ao solicitado, con data do 5 de xaneiro, enviamos outro escrito ao alcalde reclamando contestación. Sen resultados até a dada de hoxe. Este comportamento obríganos a poñer en coñecemento dos nosos asociados e veciños esta actitude, claramente orquestrada politicamente para continuar no sillón, a costa de todos nós, obxectivo que evitaremos ao pasarlle a nosa factura no momento máis apropiado”, indica a patronal no seu comunicado.