Tía Manuela: “Eles andan polo poder”. Luís Celeiro

Non, non son `niñatos´ nin malcriados fillos de papá e mamá. Son bobos e estúpidos prepotentes que nunca miran para os outros, nin polos outros, nin polos de eles mesmos. Miran para o espello e, asustados pola realidade da cara súa, dos seu ollos, das meixelas e da papada, vanse correndo na procura dun bisoñé. Vanse correndo e ninguén sabe se volverán ou non volverán. Alá eles!
Se se foran dunha vez e para sempre, o alivio sería xeral, tocarían as campás, as pandeiretas, os violíns e as guitarras eléctricas, o saxofón e o acordeón, e quen quixese escoitar, que escoitara!. Quen quixese entrar en política, que traballara e que o pensara. Xa o saben todos vostedes, prezados lectores, e tamén eles, os que andan na política e os que se moven nos seus arredores.
Unha lectora amable, o outro día, quería falar coa Tía Manuela. Quería dicirlle que o mundo non é redondo como nolo ensinaron na escola, que a política non é o que parece e que os amigos con ela vólvense loucos e vanse, foxen sen agardar resposta e sen miramentos. A onde irán?. Foxen correndo cara a ningures.
A sociedade nosa e as sociedades que nos rodean corren seguido sen saber a onde van, sen líder, sen temoneiro, e sen temoneira. Sen memoria, sen rumbo e sen silencio, sen discreción e con soberbia. A Tía Manuela xa o dixo, “se non se ve, non se cre tanta arrogancia aparellada a tanta ignorancia”. No caso dos políticos, tanta -ás cheas- como a dos seus adversarios.
Parouse de súbito e, sen a máis mínima reflexión construtiva, fixo público o ludibrio.
Foi en honor e gloria da transparencia que desprezan e que tanto lles molesta aos que teñen, ou pretenden, algo de mando. Arrebolan pedras aos seus tellados e míranse con noxo ata que teñen garantía total de que nada pode ser recuperado.
Con fastío miran ao pobo, a ese pobo que lles vota, que os agranda e que os defende.
Miran por arriba do ombreiro e mandan calar. Cando non, fan tanto ruído como poden para que non se entenda nada, para sementar dúbidas, para estender o engano, que se apodere a confusión e triunfe aquilo de que “dá o mesmo” ou “son todas iguais”.
Os que andan polo poder deberían saber que hai diversas formas de exercelo e tamén varias posibilidades de opoñerse, sen esquecerse do que explica Michel Foucault: calquera relación social pode ser unha acción política, encamiñada cara o poder.