Susana Lenguas supervisa os traballos de fabricacións de peiraos flotantes de Rianxo, Sada e a Pobra

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou nos últimos días as instalacións en Tui (Pontevedra) da empresa especializada en instalacións náuticas, Ronáutica, para supervisar os traballos que a firma está a facer para a fabricación dos peiraos flotantes portuarios de Rianxo, Sada e A Pobra do Caramiñal. A responsábel do ente dependente da Consellería do Mar coñeceu as instalacións desta empresa, situada no polígono industrial da dita localidade potenvedresa, entre elas a nave de almacenaxe, ao tempo que comprobou os labores de fabricación das pezas (tanto os módulos como fingers para ordenar a atracada) que se usarán para a renovación dos pantaláns destes tres portos coruñeses.

Portos de Galicia ten en execución na actualidade as obras de modernización das instalacións aboiantes dos portos de Rianxo, Sada e A Pobra do Caramiñal co obxectivo de mellorar a seguridade e accesibilidade das embarcacións, ademais de optimizar a utilización das augas abrigadas. Estas actuacións, que supoñen un investimento de 2 millóns de euros, contribuirán “a mellorar as condicións de traballo e facilitar o labor dos distintos usuarios dos tres portos”, explicou.