O noso ámbito sanitario e Google copan unha parte importante das queixas do servizo Liña do Galego

29 Marzo 2022

Respectar o galego segue a ser unha materia pendente entre moitos ámbitos da sociedade, e tamén no plano dixital. Proba diso, o servizo tecnolóxico Liña do Galego, posto en marcha por A Mesa para canalizar as queixas da cidadanía respecto da vulneración dos seus dereitos lingüísticos, duplicou en 2021 o número de reclamacións. A maioría foron no ámbito sanitario, en relación á COVID-19. Así, foron numerosos os expedientes que denunciaron a falta de atención oral e escrita por parte do SERGAS nos centros de vacinación, nas comunicacións telefónicas e nas mensaxes ao móbil enviadas á poboación para a realización de cribados e da vacinación. Tamén o buscador Google aparece nos postos altos deste ranking en negativo.

Estes e outros datos foron dados a coñecer este martes 29 polos responsábeis de A Mesa e a Deputación da Coruña. Participaron na presentación do informe anual da Liña do Galego Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Celia Armas, secretaria xeral da Mesa; e María Muíño, deputada de Lingua da Deputación da Coruña.

Segundo recolle dito informe, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da aplicación da Liña do galego un total de 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 foron consultas e 58 foron parabéns.

Na cita, a deputada de Normalización Lingüística cualificou a Liña do Galego como “un proxecto necesario, singular e excepcional” e anunciou que o seu departamento continuará co apoio a esta iniciativa en 2022 ao estar xa aprobada a partida orzamentaria en pleno -concretamente 34.000 euros dun orzamento total de 42.500, o que supón o 80%.

Celia Armas denunciou que as empresas que máis queixas rexistraron o 2021 foron Naturgy, Ikea, Gadis, Google, Endesa e o Centro Comercial Vialia. A maioría destas queixas, dixo, “derivan da falta de atención oral e escrita en galego, da sinalización e o rotulado dos establecementos exclusivamente en español e da deturpación de toponimia galega nas comunicacións escritas e nas páxinas web das empresas”. Porén, Armas salientou que a app, coa axuda de comunidade de usuarios, serviu para acadar algúns éxitos importantes, como o feito de que Milanuncios corrixise o topónimo deturpado da Coruña, o ximnasio Be One o de “Las Lagunas” por As Lagoas e Lidl o de Vilagarcía de Arousa. Ademais, dixo, Abanca comprometeuse a poñer a disposición de quen o solicite a documentación requirida en galego e a plataforma É-Saúde da Consellería de Sanidade comezou a abrirse, por defecto, en galego.

Segundo engadiu, o obxectivo do servizo A Liña do Galego é “romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego”. Armas recordou o incumprimento de acordos e lexislación nacionais, estatais e internacionais en relación á lingua e que “fronte ás 500 normas que amparan o castelán, as poucas a favor do galego non se aplican”. A utilidade da Liña, concluíu a secretaria xeral da Mesa, “demóstrase no incremento de casos resoltos mais tamén en que xa é un informe de referencia para institución da importancia do Consello de Europa ou o relator da ONU para os dereitos das minorías”.

Pola súa banda, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, insistiu “na grande importancia de existir un servizo como A Liña do Galego, único das súas características en Galiza e que só conta coa axuda da Deputación da Coruña”. E engadiu: “A medida que o servizo se consolida aumentan as queixas, a Liña é o único recurso de moitas persoas contra a frustracións, as ofensas continuas e o maltrato a persoas que o único que queren facer é vivir en galego con toda a normalidade posíbel”.

Outros artigos

A Orquestra Sinfónica de Galicia soará novamente en Ribeira

Este venres 16 de setembro celebrouse en Ribeira a presentación dun concerto que fará as delicias dos amantes da música clásica. Asistiron o rexedor, Luís Pérez, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta e a concelleira de Cultura, Antía Alberte. No marco...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

“Días de inverno ou de abril”. Luís Celeiro

Era un día de choiva, como moitos outros deste ano e de anos anteriores, chovía sen parar tampouco paraba a chuvia no chan. Era un día como moitos, chovía a destempo aquí e alí, aun par de quilómetros, o sol quentaba as canelas e o carrelo da xente que pasaba. Era...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.