O Encontro de Creadoras e Creadores do Barbanza xunta no Museo do Gravado cen artistas da nosa comarca

Na noite deste 11 de marzo inaugurouse no Museo do Gravado de Artes o Encontro de Creadoras e Creadores do Barbanza, unha iniciativa integrada pola mostra BarbantiaRte VIII (salas 0 e 1) e Unha manda de pezas para Isaac Díaz Pardo de Xente do Barbanza (sala 2). Na mostra-encontro participan un cento de artista da nosa comarca.

No acto de inauguración participaron a concelleira de Cultura de Ribeira, María Sampedro, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, o director do Museo do Gravado de Artes, Pastor Rodríguez, e o presidente da Asociación Cultural Barbantia, Manuel Cartea.

A colaboración entre o Concello de Ribeira, Museo do Gravado de Artes e Barbantia creou a mostra BarbantiaRte coa intención de “amosar aos habitantes da península do Barbanza a riqueza e o pulo dos seus artistas en todas as disciplinas das artes: pintura, escultura, gravado, esmalte, fotografía, vídeo-creación…Unha panorámica variada, con preto de cen expositores”. Isto complétase cunha sala adicada a homenaxear a Isaac Díaz Pardo onde se recollen as obras que distintos artistas do Barbanza fixeron durante os anos 2020 e 2021 e que nunca se expuxeron ao público. Nesta sala poderán verse os debuxos do libro Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo, de Xente do seu rueiro (1956) propiedade do Museo do Gravado así como as distintas obras de artistas como Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Xulio Gil, Paola García Paz, Xosé Luís Veiras Manteiga, Paco Casal, Che Tembra, Domingo Regueira ou Soledad Penalta, entre outros.

Mesa redonda

Ademais, no mediodía deste venres tivo lugar unha mesa redonda en torno á figura de Isaac Díaz Pardo que contou coa participación do seu fillo Xosé Díaz, da escultora Soledad Penalta, de Heitor Picallo do colectivo Alento Esbravexo; do historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez e da concelleira María José Sampedro.