O BNG reclama en Ribeira que se solucionen os problemas de conxestión dos Xulgados

Os deputados do BNG, Rosana Pérez e Iago Tabarés, acudiron a Ribeira para presentar diversas iniciativas levadas a cabo no Parlamento galego que teñen como finalidade “solucionar os problemas que a Administración de Xustiza vén sufrindo desde hai tempo no Partido Xudicial de Ribeira”, sinalaron, ao tempo puxeron o foco nalgunhas das principais eivas detectadas, como o feito de que haxa “unhas taxas de conxestión superiores á estatal e á galega como resultado da desatención que sofre a Xustiza tanto do Goberno estatal como galego”.

Desde o BNG din ter recollido as demandas formuladas polos distintos profesionais que desenvolven a súa actividade nos Xulgados de Ribeira, que, segundo reflicte a agrupación, “veñen reclamando, de forma insistente, a creación dun cuarto xulgado”.

Os deputados sinalaron que “xa que a consecución dun cuarto xulgado non se vai producir a curto prazo, solicitamos á Xunta que dote os xulgados de Ribeira do reforzo de persoal necesario que permita axilizar a tramitación e resolución dos numerosos asuntos pendentes, nomeadamente nos Xulgados números 2 e 3 de Ribeira, este último no que residen as competencias en materia de violencia contra a muller”. Ademais reclaman á Xunta que “se opoña a calquera modificación normativa ou decisión gobernamental que poida implicar a supresión dos partidos xudiciais actualmente existentes, ou a redución de competencias para a celebración de vistas e prácticas de dilixencias e actuacións nas actuais sedes existentes”.

Por último, desde o BNG tamén trasladan “a necesidade de crear unha sala destinada á toma de declaracións, así como para a práctica de actos de auxilio xudicial, a renovación do mobiliario deteriorado, e o acondicionamento dun espazo reservado para a garda de vítimas, nomeadamente nos supostos de delitos de violencia contra a muller”.