A axenda das Letras Galegas 2022 vén con máis de 150 iniciativas

30 Marzo 2022

A celebración cultural galega por excelencia, o Día das Letras Galegas, xa comeza a facer ruído nas redes. Este 30 de marzo foi unha xornada de especial importancia porque foi presentado o programa de actividades autonómicas para celebrar o 17 de maio, adicado, segundo acordou a Real Academia Galega (RAG), ao valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán. A axenda da Consellería de Cultura e a RAG abrangue máis de 150 iniciativas ao arredor do dito escritor e da nosa lingua. Tamén colaboran activamente na axenda o Consello da Cultura Galega, a CRTVG e unha chea de empresas, entidades, administracións locais e editoriais. Haberá actividades en formato tradicional e moitas, tamén, en formato online. Desenvolveranse durante todo o ano, con especial atención ao 17 de maio.

presentación da programación das Letras Galegas 2022 dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán.

Durante a presentación da programación, que tivo lugar na Cidade da Cultura, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, gabou a elección da RAG ao escoller a Delgado Gurriarán como homenaxeado, pois “xogou un papel esencial na divulgación da nosa lingua e a nosa cultura ao longo do século XX” ao tempo que “desenvolveu un fondo compromiso político e democrático nunha época convulsa”. “Foi un home irrepetíbel que adicou a súa vida á nosa terra e ás nosas letras e que hoxe poñemos en valor con esta programación que chegará a toda Galicia”, engadiu.

O conselleiro tamén destacou a “ampla programación conxunta con máis de 150 iniciativas en Galicia e no exterior que, como cada ano, irán medrando nas próximas semanas e meses” e que se desenvolverán desde a Xunta de Galicia coa colaboración de “diferentes axentes culturais e institucións”.

Na rolda de prensa participaron, ademais, o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias; o académica da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre; a presidente do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro; o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o sobriño e biógrafo do homenaxeado, Ricardo Gurriarán.

Exposicións, lecturas públicas e concursos

A programación das Letras Galegas 2022 incluirá proxectos expositivos como Florencio Delgado Gurriarán. Bebedeira de Ensoños, promovido pola Xunta en colaboración coa editorial Galaxia, ou Compromiso na distancia, que percorrerá 10 localidades galegas entre maio e decembro. Son dúas mostras ás que se suman outras moitas como as gañadoras do Concurso-exposición Letras Galegas ou as mostras que acollerán os centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Na presentación fíxose fincapé no carácter paticipativo desta edición. Para iso, impulsaranse accións nas que buscar a implicación de toda a sociedade, como lecturas públicas, concursos de podcast (arquivos en liña de radio) ou a tradicional Carreira das Letras.

Amais, haberá espectáculos tales como o teatro de obxectos Tras os vieiros de Florencio, da man da compañía Fantoches Baj; actuacións musicais, como a 40º edición do festival Festiletras, en colaboración coa Fundación Eduardo Pondal; obradoiros nas bibliotecas públicas, como Versos, cores e colaxes, impartido por María Lires; contacontos, como O garoto de Ipanema, a cargo de Caxoto, ou especiais na CRTVG que, entre outros programas, emitirá durante todo o mes de maio as micropezas Polos vieiros de Florencio.

Na terra de orixe do escritor

Xa desde o punto de vista educativo, “porase en marcha unha iniciativa innovadora en colaboración cos concellos da comarca de Valdeorras”, anunciou o conselleiro. En concreto, desenvolveranse rutas educativas pola comarca para dar a coñecer os principais puntos de interese artístico, histórico, social e cultural do lugar. No eido educativo tamén se manterá o traballo dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros de ensino, cuxos recursos máis destacados poderán consultarse no Portal da Lingua Galega.

No ámbito académico fíxose saber que “manteranse citas habituais como o simposio organizado pola Xunta e a RAG, centrado na personalidade e na obra literaria do autor”.

O conselleiro resaltou que a axenda incluirá desde festivais culturais en Nova York e México ata as actividades promovidas polos Centros de Estudos Galegos repartidos polos diferentes continentes.

A programación completa poderá consultarse tanto na axenda de Cultura de Galicia como no Portal da Lingua Galega.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O océano non ten fronteiras” – Antón Luaces

“O océano non ten fronteiras” – Antón Luaces

Cando en novembro pasado se clausurou en Vigo a segunda edición do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar,  remarcouse esta carencia de fronteiras para salientar o empeño en lograr unha economía oceánica sostíbel como basamento da apicación das...

“O bispo demérito” – Xulio Xiz

“O bispo demérito” – Xulio Xiz

O bispo demérito (sic) de Alcalá de Henares, vén de relacionar a "discapacidade psíquica, intelectual ou física" (considérome afectado directo) cunha "herdanza do pecado" e a estas alturas aínda ninguén lle retirou o carné de conducir fieis, mitigar males ou redimir...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.