
Semella que, en pouco tempo, esa desatención -por non dicir desprezo-, ese desleixo das entidades bancarias que, ao tempo que argumentan motivos para poñer na rúa a milleiros de traballadores desatenden sen motivos a unha manchea de xubilados que -cos seus cartos mantiveron e manteñen a eses mesmos bancos e os seus directivos e accionistas- pode producirse algún tipo de saída para, cando menos, o segundo dos problemas: o de aportar medios polos que os que somos maiores (que non parvos), podemos e debemos ser atendidos na relación cotián coa entidade.
Se agora preocupa ás autoridades educadoras o problema derivado da carencia de comprensión lectora de moitos dos alumnos de ensino medio e mesmo superior, a ver como poden explicar o descoñecemento que nós, os avós, temos da informática, do uso dos medios electrónicos e todo aquilo que ten que ver coa nosa relación cos encargados de negociar cos cartos -poucos ou moitos- que cada un de nós temos depositados nunha conta que, cada fin de mes, engorda por uns días grazas ao importe da nosa pensión. Non nos educaron para iso, porque a banca electrónica, os caixeiros, o fágao vostede mesmo, aínda non naceran.
Agora disque pode haber alternativas aos bancos para cobrarmos esa paga mensual que nos compensa dos desembolsos que nós como traballadores e as empresas para as que traballamos durante toda a nosa vida laboral, fixemos un ano tras doutro. Polo menos 45 anos ingresando nos bancos e caixas de aforro o importe íntegro do noso salario mensual. E, unha vez chegados á xubilación, o tamén importe íntegro da pensión -sempre inferior ao salario- coa que o Estado nos compensa desa contribución á hucha das pensións das que, en moitas ocasións, saíron cartos para atender outras necesidades que nada tiñan que ver, por certo, coas pensións.
Pois se hai alternativas, que se apliquen, porque os bancos non se merecen outro “agradecemento” que aquel co que eles se veñen significando nos últimos anos: bancos que se agrupan co único obxectivo de controlar todo o mercado e sen que o goberno de turno poña atrancos (como tampouco os puxo para depositar na conta dos propios bancos (para salvalos) os cartos que nós aportamos á Facenda nacional tentando que todos nos salvaramos.
Este martes pasado, Antonio San Juan -autor do tan cacarexado “Son maior, non parvo”- e Nadia Calviño -vicepresidenta primeira e ministra de Economía do Goberno español- cruzáronse unhas palabras que, ao parecer, deixaron ben contente a Antonio San Juan porque deu a entender que ela si coñecía o que os bancos están a facernos e que se van aplicar remedios. Remedios, digo eu, que debe habelos cando a vicepresidenta do Executivo que preside Pedro Sánchez deixou entrever que vai producirse un troco no comportamento das entidades bancarias, cada ano máis ricas en contraste -cada anos máis pobres- coa morea de pensionistas que en España somos, estamos e queremos que se nos atenda.
Non me gustan as colas de persoas nin sequera para se facer con entradas para o cine (que tamén están ben pagas). Pero ver colas nas portas dos bancos integradas por persoas que non foron -non fomos- educados para utilizarmos sistemas electrónicos e papar algoritmos cos que “sacar” desas entidades os NOSOS cartos, non é que me amole, non, cabréame e cabréame moito e ben. Porque agora non se lembran de cando te acollían e case que te acubillaban co paraugas protector de “Banco Tal” ou “Caixa de Aforros Cal”, cando te regalaban vaixelas, libros, televisores en compensación polo teu ingreso na lista de clientes. Non, agora que es vello -maior, coma eufemismo- ponte á cola nos primeiros e últimos días de cada mes e fódete pá se chove, ou fódete pá se fai un sol de carallo nesta Galicia caníbal á que cantaban os da “movida” viguesa.
Somos maiores, si; mais non parvos. E como maiores, hai moitos integrados en partidos -cando menos un- que o mesmo martes ofrecían aclaracións aos maiores sobre os seus dereitos e como dar zocazos nos xeonllos dos bancos para os poñer aos nosos pés. E de paso, dar un toque ao goberno e aos demais partidos políticos para lles lembrar que somos moitos millóns de pensionistas con dereito a voto e que con este podemos facer mudar as cousas nunha España que ninguén pode dicir que é súa sen contar cos demais, especialmente cos avós.
Somos, si, os vellos, os maiores, os que non fomos formados para nos pelexar cos caixeiros de aqueles que nos deben o favor de lles ter deixado manexar os nosos cartos e crear postos de traballo á nosa conta (postos de traballo dos que agora prescinden para, seguramente, gañar moito máis, unha outra vez a conta dos que din que somos parvos cando na realidade somos maiores).
Banco, escoita.