Os naufraxios mariños na nosa costa e a novela As gotas de mercurio centran un acto dobre no Centro Lustres Rivas de Ribeira

Este venres 11 de febreiro o Centro Lustres Rivas de Ribeira vai acoller unha dobre actividade cultural relacionada directamente cunha das grandes inspiracións das nosas escritoras e escritores: o mar. É o caso do escritor e economista cambadés Exidio Cuíñas, directivo da Escola de Vela do Club Mariño do Salnés, e do historiador e especialista en naufraxios Xosé Luís Moar, que estarán no centro ribeirense para, por unha banda, percorrer diferentes acontecementos tráxicos na ría de Arousa, incluído o afundimento do Santa Isabel, e tamén, para presentar As gotas de mercurio, o novo libro de Cuíñas.

Un acto en dúas partes

O acto constará de dúas partes, con inicio ás 20.00 h. No mesmo haberá unha palestra arredor do naufraxio do Santa Isabel, e outros episodios marítimos que tiveron como tráxico escenario a ría de Arousa. Acompañarán a Xosé Luís Moar e a Exidio Cuíñas a presidenta da Confraría da Dorna, Sara Sevilla, e o editor e investigador, Antón Mascato.

Exidio Cuíñas, é economista e mestrado en desenvolvemento local, realizando o seu labor profesional en diferentes proxectos relacionados co turismo mariñeiro do Salnés; sendo unha das figuras máis salientábeis das que traballan arredor do patrimonio marítimo cultural. A súa primeira incursión na literatura levouno a publicar a novela Salgadoiro de queixo e mozzarela, no ano 2009, mantendo activo o blog Boudevara e escribindo diferentes poemarios aínda inéditos.

As gotas de mercurio é unha novela longa de máis de setecentas páxinas que, en palabras do autor, desenvolve “unha viaxe cara ningures” que comeza co afundimento do Santa Isabel no arquipélago de Salvora, e continúa coa fuxida que emprenden dezaoito homes a bordo dun pesqueiro, o Novo Endem, e que cincuenta anos despois devolve ao neto dun deles, Demetrios, á terra do seu avó, Abel. A través desta traxedia mariña e da fuxida por mar asistiremos a unha ficción trufada de realidade, na que a personaxe principal participa na resistencia francesa á invasión nazi, na da loita de liberación alxerina e entregarase á militancia antifascista na Grecia dos coroneis.

A novela desenvolve unha trama de misterio, valentía e coraxe cívico, co pano de fondo dos diferentes mares europeos, que percorre os principais acontecementos históricos do século XX, dende a guerra de España, a mundial, e a de liberación da Alxeria colonizada por Francia, ata a construción do Transahariano, ou conflitos bélicos e políticos en Gracia e Turquía.

O autor do libro, o cambadés Exidio Cuíñas