O Centro de Atención Integral á Discapacidade (CAD) conta cun novo servizo que ofertar ás persoas usuarias. Trátase da Escola de Pais e Nais, que comezou na semana pasada e consta de 8 sesións impartidas pola psicóloga Rocío García a un total de 14 familias da rapazada do referido centro.
Segundo explicou a concelleira dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo (BNG), este programa ponse en marcha “debido ás secuelas emocionais e de conduta que se observan nas crianzas como consecuencia da pandemia da COVID-19”, algo que “desborda os pais e as nais”, explicou, engadindo que con este servizo fortalécese a atención individualizada que presta o referido centro, que neste momento conta con 143 persoas usuarias.
A directora do CAD, Julia Rial, fixo un repaso pola dilatada traxectoria profesional da psicóloga que imparte este servizo, quen conta cun amplo currículo e formación como, por exemplo, a especialidade en Psicopatoloxía e Psicoterapéutica, Psicoloxía Clínica, Mediación e en Metodoloxía dos Procesos Correctores Comunitarios.
Pola súa parte, a propia Rocío García indicou que este programa constitúe “un espazo para pensar xuntos e levar para a casa uns criterios que lle axuden a poñer en práctica aquilo que eles crean necesario dentro do seu contorno familiar”. Pártese así do estado emocional dos pais e nais “para poder axudalos logo a abordar as dificultades dos seus fillos” e tratarase tamén a comprensión das diferentes etapas do crecemento.
