Mantoño, en Porto do Son, será dotado do servizo de saneamento grazas ao financiamento da Deputación da Coruña

O lugar de Mantoño, no Concello de Porto do Son, vén de recibir o financiamento por parte da Deputación da Coruña para un proxecto valorado en 193.328 euros que permitirá dotalo de saneamento.

Máis polo miúdo: as obras, que darán servizo a 23 vivendas, consistirán na execución dun colector principal de PVC, conectado á rede existente no lugar de Beneso, ao que se unirán outros cinco ramais secundarios. Tamén se proxecta a habilitación de pozos de rexistro e das acometidas para cada un dos inmobles. Asemade, está prevista a reposición do pavimento afectado durante o transcurso dos traballos.

Engadir que o dito proxecto atópase arestora en fase de licitación no perfil do contratante municipal e o prazo de presentación de ofertas remata o 26 de febreiro.

Emporiso, con esta actuación para o lugar de Mantoño xa son 467.000 euros os que inviste a Deputación da Coruña a través do Plan Único en obras de saneamento no Concello de Porto do Son, que abranguen outras accións que se levarán a cabo en Esparelle, Cans e Caamaño.