“A radio e o seu día. As orixes de Radio Riveira”. Antón Luaces

13 Febreiro 2022
Antón Luaces nas instalacións de Radio Riveira Emisora Parroquial

​Foi polos finais dos anos 50 do século pasado. Nun edificio propiedade da parroquia de Riveira nacía Radio Riveira, emisora parroquial, a única destas características na ampla comarca do Barbanza e a segunda -a primeira foi a de Vilanova de Arousa- na ría de Arousa. 

O xuiz en exercicio daquela, Francisco Capón Rey; o profesor, tamén exercente, Bernardo González Mariño; Arturo Valeiras e outras persoas da vida local riveirense, deron vida a un proxecto de comunicación que só emitía un par de horas no mediodía, de luns a venres. 

Coa chegada do novo decenio, polo 1960, e grazas ao labor de Manuel Boo -delineante mecánico nos talleres HMR El Nervión- que dispuxo da pequena aparataxe daquela mini-emisora (un micrófono montado no pequeno locutorio, unha ampla mesa con un receptor de radio, un pequeno transmisor, un amplificador no que se misturaban os sinais de micro e tocadiscos, un tocadiscos manual e un estabilizador de corrente (esta era dunha inestabilidade absoluta en tempos da compañía local de electricidade posteriormente absorbida por FENOSA),  poido enlazarse unha antena aérea que ía desde o tellado da casa que acubillaba a emisora ata o campanario da igrexa parroquial (o que facía que, en ocasións, a radiación se transmitira ao equipo de son da propia igrexa durante a misa dominical, cando Radio Riveira xa emitía tamén na fin de semana, motivo polo que, en máis dunha ocasión, a homilía que pronunciaban os sacerdotes fose interrompida talvez por un pasodobre). 

Foron estes os tempos nos que a audiencia de Radio Riveira era a práctica totalidade da veciñanza da cidade, á que se sumaba a das parroquias do concello e as dos concellos limítrofes como A Pobra, Porto do Son e, após o labor de Manuel Lourido (técnico electrónico) que instalou unha antena nun mastro montado no cimeterio vello -a carón da rúa Colón- e, en horizontal ata a propia emisora (?) podían sintonizarse as emisións de Radio Riveira en Padrón, Boiro e moitos dos concellos  da outra banda da ria de Arousa e mesmo en Vigo. 

Falamos xa dos anos 1962-63, ,con José Lino Rivas Pena como administrador, e locutores como María Dolores Folgar Núñez, María de los Ángeles Cores Amigo, María Victoria Sarasquete Reiriz, Manuel Millán Ageitos, Álvaro Cores e a posterior incorporación de Luis Valeiras, Eduardo Mera e outros mozos daquela Riveira que vivía intensamente a programación dunha radio local que xa era de , como mínimo, seis horas -de luns a venres- e de oito horas os sábados, domingos e festivos.

Vinculada esa radio local á igrexa, foron tres sacerdotes os que máis influiron na súa expansión: o que máis, Manuel Vázquez Formoso, daquela coadxutor, sendo párroco don Juan, a quen toda Riveira alcumaba “Perreras”.

A relembranza que vostede, lector, ven de vivir con quen esto escribe, ten que ver coa celebración este domingo, 13 de febreiro, do Día Mundial da Radio, no que Radio Riveira, emisora parroquial, algo tería que dicir como pioneira que foi na rede de emisoras da igrexa que deron pé, posteriormente, á creación da Cadea de Emisoras COPE.

Con esta relembranza que cito, quixera tributar unha fonda homenaxe e recoñecemento a cantos, naquela cidade sesenteira que comezaba a facerse menos fermosa e con máis cemento e ladrillo, souberon transmitir ilusión e entrega a un servizo comunicacional que nunca tivo compensación económica, deixando para a pequena ou grande historia local -depende quen a estude- o esforzo por informar, formar e entreter a unha poboación á que o franquismo -ao igual que no resto de España- tampouco permitía despregar as ás da liberdade.

Outros artigos

Ribeira pon en valor o traballo das mulleres no mar

O Concello de Ribeira conmemorou o Día Internacional da Muller no Sector Marítimo rendendo unha homenaxe a tres mulleres extraordinarias que dedicaron as súas vidas a unha profesión fundamental para a nosa comunidade: o marisqueo. O concelleiro de Mar, Fernando...

+

“Día das Letras Galegas 2025”. Manuel Dominguez

Andrés do Barro, cantante, compositor de soul galego, grandes éxitos dende 1975 onde as linguas do Estado foron confinadas, censuradas, ata acadar o primeiro posto nas listas dos discos máis vendidos en España tres veces seguidas: primeiro en 1969 con O trem , logo en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O Barbanza: Cinco anos de xornalismo independente”

“O Barbanza: Cinco anos de xornalismo independente”

Hai cinco anos, en maio do 2019 nacía na súa edición dixital obarbanza.gal e uns días despois na de papel O Barbanza, sempre en galego e baixo a cobertura do Grupo Código Cero Comunicación. Dicíamos daquela que eramos un grupo de profesionais decididos a aventurarnos...