A Pobra impulsa unha enquisa cidadá para a elaboración do III Plan de Igualdade

A Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal está inmersa no proceso de elaboración do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (2022-2026), unha folla de ruta que ten o obxectivo de seguir dando pasos relevantes en materia de plena equiparación de dereitos.

A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), puxo en valor este Plan, explicando que traslada “o compromiso real que ten un Concello coa igualdade”. Tamén salientou o feito de que “amosa o programa de traballo de aquí aos próximos catro anos, ademais de ser necesario contar cos recursos económicos e humanos para lograr os obxectivos marcados”.

Tamén destacou que o anterior Plan baseábase en cinco áreas de intervención (educación e formación en igualdade; conciliación e corresponsabilidade; prevención e tratamento da violencia de xénero; información e participación activa; e saúde e benestar social) o cal se traduciu no impulso de numerosos proxectos coma o Plan Madruga, o apoio aos comedores escolares, a educación para a igualdade nos centros educativos ou as Xornadas de Muller e Ciencia, entre outros.

A elaboración do III Plan atópase na fase de participación social, polo que se abre un proceso participativo no que a veciñanza da Pobra poida expoñer as súas demandas e necesidades reais en materia de igualdade. Con esta finalidade, preséntase unha enquisa anónima que estará dispoñíbel ata o 4 de abril na páxina web www.apobra.gal, nas redes sociais e, en formato papel, no rexistro xeral do Concello. O formulario online xa está na Rede e consta de 33 preguntas que permitirán identificar as demandas e necesidades da poboación en canto a conciliación, a violencia de xénero, a igualdade, a formación en igualdade e participación social de mulleres e homes da Pobra nos diferentes ámbitos. Así mesmo, están configuradas outras enquisas dirixidas a colectivos específicos.

A axente de igualdade do Concello, Carolina Rodríguez, explicou que o proceso de elaboración do documento pasou primeiramente pola fase de investigación documental para, unha vez finalizada a de participación social, continuar coas de deseño e de redacción e publicación, polo que estará dispoñible neste 2022.

Para resolver dúbidas ou achegar propostas en canto ás medidas que se poidan establecer neste III Plan tamén está ó dispor o enderezo electrónico igualdade@apobra.gal e o teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.