O bus do teatro do Centro Dramático Galego sae da Cachada (Boiro) ás 18.30 horas do sábado

O Concello de Boiro participa (xunto co de Rianxo e o de Ribeira) no programa de mobilidade Subes ao bus do teatro? que promove o Centro Dramático Galego para asistir á representación de A Peste no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A función será o sábado 5 de febreiro e o autobús sairá de Boiro, das inmediacións da Casa da Cultura (na contorna da Cachada) ás 18.30 horas.

O Concello informou de que a reserva de prazas para o autobús debe facerse cubrindo o formulario dispoñíbel na web municipal. O prezo da entrada é de 6 euros.

O autobús para asistir á función sairá de Boiro ás 18.30 horas, polo que se recomenda estar un pouco antes na parada da Cachada, e regresará arredor das 23.00 horas, unha vez remate a función.

O espectáculo

O equipo de A Peste está dirixido por Cándido Pazó, quen asina tamén a dramaturxia. Inspírase na novela homónima do autor franco-arxelino Albert Camus, na que aborda de xeito metafórico as grandes pragas causadas polo ser humano.

Evaristo Calvo, César Cambeiro, Nacho Castaño, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda García, Paku Granxa, Luís Iglesia, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santiago Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante compoñen o elenco que lles dará vida ás personaxes deste clásico.

A peza ofrece unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise. A través do personaxe do doutor Rieux, narra os sucesos na cidade de Orán durante unha praga de peste que a asedia e pon os seus habitantes en corentena. Céntrase nos periplos das persoas encerradas, en como loitan contra a praga e lle buscan un sentido á súa situación, primeiro nunha loita egoísta pola supervivencia, logo a través do esforzo colectivo e comunitario.