Ribeira súmase ao Bus do Teatro para asistir á representación de A Peste en Santiago, a cargo do CDG

20 Xaneiro 2022

O Barbanza quere teatro, e quéreo tamén en galego e feito por artistas locais. Se os días pasados falamos de como Rianxo e Boiro se sumaban ao Bus do Teatro para levar á veciñanza á representación en Santiago de A Peste do Centro Dramático Galego, esta semana sumouse Ribeira á iniciativa do CDG.

O evento terá lugar o 18 de febreiro no Salón Teatro de Santiago Compostela, ás 20.00. O autocar sairá da estación de buses, na praza Heroínas de Sálvora, ás 18.00. A actividade ten un custe de 6 euros e incluirá viaxe de ida e volta e a entrada. Hai un máximo de 50 prazas e é preciso que se anoten un mínimo de 30 persoas para que se leve a cabo. Nesta iniciativa están a participar tamén outros concellos como os devanditos de Rianxo e Boiro e máis o municipio veciño de Vilagarcía, entre outros.

A temporada no Salón Teatro comeza o 20 de xaneiro e rematará o 13 de marzo. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a función e a desinfección de mans tanto á entrada como á saída.

O espectáculo

O equipo de A Peste está dirixido por Cándido Pazó, quen asina tamén a dramaturxia. Inspírase na novela homónima do autor franco-arxelino Albert Camus, na que aborda de xeito metafórico as grandes pragas causadas polo ser humano.

Evaristo Calvo, César Cambeiro, Nacho Castaño, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda García, Paku Granxa, Luís Iglesia, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santiago Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante compoñen o elenco que lles dará vida ás personaxes deste clásico.

A peza ofrece unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise. A través do personaxe do doutor Rieux, narra os sucesos na cidade de Orán durante unha praga de peste que a asedia e pon os seus habitantes en corentena. Céntrase nos periplos das persoas encerradas, en como loitan contra a praga e lle buscan un sentido á súa situación, primeiro nunha loita egoísta pola supervivencia, logo a través do esforzo colectivo e comunitario.

Outros artigos

Este venres recala en Boiro “Deadpan Karaoke” de Ibuprofeno Teatro

A Casa da Cultura de Boiro vai dar acollida este venres 26 de abril á representación teatral de Deadpan Karaoke, a cargo de Ibuprofeno Teatro, a partir das 21.00 horas. As entradas estarán á venda dende unha hora antes da función na billeteira. Trátase dunha peza para...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...