O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, estiveron este 12 de xaneiro en Queiruga achegando información relevante sobre a estación de tratamento de augas residuais que vai acubillar a parroquia sonense, un proxecto destinado a mellorar o saneamento do municipio. Segundo fixo saber Trenor, as obras da depuradora foron licitadas por un importe de máis de 1,7 millóns de euros. Engadiu que as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 22 de febreiro para presentar as súas ofertas e que está previsto que a obra se inicie a mediados de 2022 cun prazo de execución de 12 meses.

A Xunta asumirá integramente o financiamento da nova instalación e contratará, dirixirá e executará as obras.
Pola súa banda, o Concello de Porto do Son asume a posta á disposición dos terreos necesarios e comprométese a conseguir as autorizacións para a execución dos traballos, recibir as obras unha vez realizadas e ao seu mantemento e conservación.
As obras serán co-financiadas pola Unión Europea no marco do eixo React EU do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.
O delegado da Xunta explicou que “as actuacións proxectadas pretenden mellorar o sistema de saneamento existente mediante a construción dunha nova depuradora no lugar da Ponte, na parroquia de Queiruga”. Engadiu que está proxectado equipar a estación cunha nova rede de colectores de augas residuais, tres estacións de bombeo e dúas impulsións para a condución das augas ata a nova depuradora. Tamén se inclúe a execución de dous colectores de augas pluviais.
De acordo coa alternativa proposta, a rede de Queiruga estará composta por un total de 10 colectores, 8 por gravidade e 2 por impulsións. Tamén son precisas 3 estacións de bombeo nos lugares de Tarrío, Seiras e A Ponte.
En total prevese a construción dunha rede de colectores de augas residuais, pluviais e impulsións que suman máis de 5.300 metros de lonxitude en total. Trenor recalcou que “a nova instalación suporá un gran avance para a rede de saneamento dos principais núcleos costeiros de poboación do municipio”. Esta actuación permitirá dar servizo a 1.537 habitantes no horizonte de 2043.