A Marea de Noia reclamará o apoio firme da Corporación ás traballadoras de axuda no fogar

A Marea Cidadá de Noia anunciou que vai presentar en pleno unha solicitude para reclamar o apoio da Corporación local ás traballadoras do SAF (Servizo de Axuda no Fogar), así como melloras no servizo en Noia. Segundo explican, ao longo da pandemia “puidemos comprobar a importancia que este servizo ten na vida de tantas e tantas persoas (máis de 25.000 usuarias), moitas das cales poden chegar ao final dos seus días rodeado das súas xentes queridas grazas ás estas traballadoras”. A agrupación sostén que malia a importancia do seu traballo, seguen mergulladas nunha precaria situación laboral: falamos de traballadoras precarias que, de acordo ca Carta Social da Unión Europea, non cobran un salario digno.

No caso de Noia, engaden, “a situación non é diferente”. Así, din, “a maior parte dos contratos son con xornadas parciais que non se completan, reducindo aínda máis a retribución económica destas traballadoras, o que contrasta cos importantes beneficios que obteñen as empresas xestoras deste servizo privatizado”.

Por este motivo, dende o grupo municipal da Marea Cidadá de Noia solicitarase no seguinte pleno a aprobación dunha moción que incluirá tanto unha mostra de apoio pública ás reivindicacións expresadas por este sector, como o compromiso de iniciar un estudo sobre a posibilidade de municipalizar a xestión do servizo. Ademais, propoñerase “que cando se saque a licitación o servizo, establecerase no prego que todas as traballadoras deben chegar a acadar as 40 horas semanais, así como o establecemento dun Plan de Seguridade e Saúde dos e das traballadoras do SAF que diminúa os seus riscos laborais”.