Unha xornada da OPP 83 pon o foco na necesidade de achegar alternativas viábeis aos combustíbeis fósiles no mar

20 Decembro 2021

As repercusións que tivo, ten e terá a actual escalada de prezos dos combustíbeis fósiles no ámbito marítimo e pesqueiro, unido á problemática ambiental xerada por estes recursos, centraron unha xornadas organizadas este luns 20 de decembro pola Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Eugenia OPP 83. A actividade celebrouse dende Ribeira e cos diferentes relatores intervindo a través de streaming. Foi moderada pola xerente da cooperativa María José Casáis e contou coa presenza dos representantes das organizacións de produtores pesqueiros de toda España.

O tema central destas xornadas foi a Fiscalidade na pesca: bonificacións ao combustíbel. María José Casáis, xerente da OPP 83, foi a encargada de situar aos asistentes vía streaming na situación actual en relación ao tema central destas xornadas. Clara Aguilera, portavoz socialista da Comisión de Pesca e Deputada do Parlamento Europeo, iniciou estas xornadas co relatorio Situación da negociación no seo da OCM sobre os subsidios pesqueiros. Durante a súa intervención, Aguilera deixou claro que “en Europa está marcado o obxectivo 2055 co obxectivo de conseguir a desaparición dos combustíbeis fósiles”. En relación a esta cuestión lembrou que “nós como comisión de pesca non temos capacidade de xestión directa, co cal queda un amplo recorrido a esta medida”.

No tocante á Conferencia Ministerial, Clara Aguilera adiantou que hai dous posíbeis escenarios a día de hoxe. Por unha banda, o encontro no mes de marzo, que “sería soamente para aprobar o acordado ata agora, non entraría o tema fiscal”. Por outra banda, dixo, “facer cita conferencia no verán e seguir negociando e engadindo temas e asuntos ata ese momento”. Aguilera considera que “debido á situación epidemiolóxica é máis probábel que a conferencia se celebre no verán”.

Aguilera considera que “é importante seguir traballando no sector da innovación e da investigación co fin de poder ir traballando en cambiar modelos produtivos económicos que temos”. E engadiu: “Traballar en que teñamos embarcación que non necesiten combustíbel fósil e teñamos unha alternativa factíbel é o obxectivo principal”.

Aguilera tamén falou doutro asunto de gran relevancia como é a calidade. Neste punto, adiantou que haberá un cambio no etiquetado dos produtos centrado no perfil nutricional do alimento e no perfil de sustentabilidade.

O segundo relator da xornada foi o profesor de Economía Aplicada da USC e membro do Consello Director da Asociación Europea de Economistas Pesqueiros (EAFE), Gonzalo Rodríguez Rodríguez, que falou sobre o Impacto económico da suba dos prezos do gasóleo para a flota pesqueira galega. Rodríguez deixou claro que anular as subvencións ao gasóleo produciría unha redución do esforzo pesqueiro dun 1% nun sistema regulado por TACs e Cotas, “polo que parece que ao que nos temos que ir cara a este regulamento”. Por outro lado indicou que o consumo de combustíbel para a pesca representa un 0,2% do total do consumo marítimo. Foi unha mañá de traballo e de información para os asociados e armadores da OPP 83 e membros tamén doutras OPP a nivel nacional, as que participaron activamente nesta xornada de Fiscalidade na pesca: bonificacións ao combustible.

Dende a Sociedade Cooperativa Galega do Mar Santa Eugenia OPP 83 deron as grazas a todas e todos os que asistiron a esta xornada en streaming desexándolles unhas felices festas e convidándoos as xornadas presencias que terán lugar o vindeiro ano en Ribeira e na que todas e todos os que o desexen serán ben recibidos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión