Ribeira comeza a instalación de Metrominutos en trinta puntos do casco urbano para favorecer a mobilidade a pé

O Concello de Ribeira comezou no día de hoxe a instalación en trinta lugares do casco urbano de metrominutos: planos sinópticos nos que se informan das distancias entre varios puntos da cidade e os tempos medios que se tarda en ir dun a outro.
Con esta iniciativa preténdese favorecer a mobilidade sostible animando á cidadanía a camiñar en lugar de coller o coche para percorrer tramos curtos, en sintonía cos principios da Axenda Urbana 2030 da Unión Europea que promove o aumento dos traslados a pé e en bicicleta para reducir a contaminación e mellorar a saúde e benestar das persoas.
Marquesinas, parkings ou rúas peonís e semipeonís son algunos dos lugares onde se están a colocar estes planos, que buscan rachar ideas preconcibidas sobre as distancias no casco urbano ribeirense, significativamente inferiores a outras cidades da xeografía galega.
Por exemplo, entre os aparcamentos disuasorios de Abesadas e a Casa do Concello a un ritmo de 5 kilómetros por hora tárdase unicamente 6 minutos, en tanto que chegar ata o centro de saúde dende a estación de autobús son 7,5 minutos.