“Non máis vulneracións dos nosos dereitos”, reivindicación do presidente de COGAMI para este 3 de decembro

02 Decembro 2021

A confederación galega COGAMI vai celebrar este 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, cun novo e urxente chamamento a rematar definitiva e integralmente coas vulneracións dos dereitos dos colectivos que representa. Así nolo conta o sonense Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, lembrando que “as persoas con discapacidade atopamos dificultades no desenvolvemento dos nosos proxectos de vida, carecemos de igualdade de oportunidades e vivimos con discriminación causada por prexuízos sociais e falta de información”.

O sonense Anxo Queiruga, presidente da confederación galega COGAMI

Fronte común

No Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a xunta directiva de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), profesionais, usuarias, familias, voluntariado e demais representantes do sector social, únense para reivindicar dereitos que, a día de hoxe, non se teñen conseguido para estar en igualdade de condicións co resto da sociedade. A confederación, se ben recoñece como un fito relevante a reforma e actualización do artigo 49 da Constitución Española (levada a cabo en maio deste ano) no que se refire á protección e promoción dos dereitos das persoas con discapacidade, lembra malia todo que “quedan outros pasos que avanzar”.

Anxo Queiruga, presidente de COGAMI, explica que durante este 3 de decembro, o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, “pedimos non máis vulneracións dos nosos dereitos”.

Medidas no Emprego

Anxo fai saber que o acceso ao mercado laboral “é complexo para as persoas con discapacidade”, chegando a superar en 10 puntos as taxas de paro. Amais, sostén, os prexuízos sociais no ámbito empresarial e a falta de información “conducen ás persoas con discapacidade a unha discriminación no acceso ao emprego que se evidencia nos principais indicadores laborais”. Ao devandito, cómpre engadir que a situación actual de alarma sanitaria e económica do COVID-19 incrementou a perda de emprego, obstaculizando a reinserción laboral.

Dende COGAMI vese “necesario que a Administración incentive a incorporación das persoas con discapacidade ao mercado laboral con apoios e axudas necesarias, apostando pola reserva de contratos destinados por lei ás persoas con discapacidade, incentivando a adaptación dos postos de traballo e /ou eliminación de barreiras, facendo cumprir a reserva de emprego ás empresas con 50 ou máis persoas contratadas e, no caso contrario, ser sancionadas”.

E engaden: “No ámbito do emprego público, débese garantir a presenza de persoas con discapacidade sen limitar categorías, postos ou corpo profesional concreto para un tipo de discapacidade, flexibilizar os apoios ás persoas con discapacidade e traballar na liña de actualización dos procesos selectivos recollido no Libro branco da función pública.

Medidas a prol das mulleres

COGAMI sostén que “é necesario potenciar a participación das nenas e mulleres con discapacidade na contorna”. Neste punto, a confederación recorda que en Galicia hai 122.816 mulleres con discapacidade, que supón o 51,46% da poboación con certificado de discapacidade e, ao mesmo tempo, “as máis suxeitas a unha discriminación interseccional”. E engaden: “A muller é dona de si mesma e decide cal quere que sexa o seu proxecto de vida. Pode deixarse orientar por profesionais sanitarios, familia ou especialistas, pero debe ser ela a que canalice o seu camiño a seguir, polo tanto, ten que estar informada sobre os recursos para poder definir e poñer en marcha o seu proxecto vital”.

En canto á violencia contra a muller, a entidade recorda que a que ten discapacidade “é máis vulnerábel ante este abuso, sen embargo cando se fai a denuncia, os corpos de seguridade do Estado non teñen ningún indicador que recolla se a muller ten ou non discapacidade. Non existen datos reais de violencia contra mulleres con discapacidade”.

Nenez e xuventude. Educación e acceso a recursos e servizos

COGAMI recorda que a nenez e a xuventude son “as etapas máis discriminadas dentro do grupo social das persoas con discapacidade, contemplando dende escaseza de apoios para a súa autonomía persoal como para a escolarización”.

En Galicia, viven 7.581 menores con discapacidade con idades entre os 0 e 15 anos, segundo datos da Xunta de Galicia. “A pandemia actual”, sinala a confederación, “engadido ao peche de centros, as medidas de illamento decretadas e a desaparición de redes de apoio incrementaron a situación de vulnerabilidade das/os menores e familias, comprometendo a súa saúde física e emocional”. COGAMI opina que “é necesario que as familias teñan acceso á información, sensibilización e, sobre todo, a servizos especializados dende a idade temperá para garantir o desenvolvemento integral na infancia”. Amais, sostén, “a falta de recursos dende o nacemento condiciona o benestar e o exercicio dos dereitos, e esta desigualdade orixinada na nenez perpetúase na idade adulta, polo que ten que haber unha política educativa inclusiva real, con apoio de docentes, recursos materiais e económicos necesarios, favorecendo a continuidade no sistema educativo e o acceso a niveis superiores. A formación é clave na inclusión laboral das persoas con discapacidade”.

Accesibilidade

COGAMI di que “ter unha discapacidade non pode ser un impedimento para poder ter un proxecto de vida. Vivir con dereitos limitados como a liberdade de comunicación, circulación, socialización, acceso a vivenda, ao transporte público, á educación, ao ensino, a espazos lúdicos ou culturais,… é unha discriminación”.

Así, a confederación declara que “unha contorna non accesíbel é un problema social e non da persoa con discapacidade. A lei de accesibilidade universal hai que cumprila e para iso ten que involucrase toda a sociedade, dende as administracións públicas ata as grandes empresas, pemes e organismos privados. A día de hoxe, en territorio español hai 100.000 persoas que non poden saír da súa casa e o 74% das 2,5 millóns de persoas que teñen mobilidade reducida, precisan de axuda para poder saír. Polo tanto, as comunidades de propietarios teñen que cumprir cos requisitos de accesibilidade universal incluídos na Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade”.

Discapacidade orgánica

Para a confederación galega, “o sistema de saúde público ten que ser accesíbel a todas as persoas e, ante os efectos perigosos da pandemia actual, urxe protexer tanto ás persoas con discapacidade

física e orgánica como á súa contorna familiar, asistencial e sociosanitaria, pola alta

vulnerabilidade e circunstancias de risco”.

O actual baremo de valoración do grao de discapacidade, porta de acceso a un sistema de dereitos establecidos, leva máis de 20 anos sen renovarse. “O baremo actual quedou obsoleto, cuns criterios de valoración desfasados e coa existencia de condicións e situacións que non están sendo recoñecidas e que afectan, na súa maioría, á discapacidade orgánica”, engade a entidade, concluíndo deste xeito: “É necesaria a actualización do catálogo ortoprotésico do Sistema Nacional de Saúde,

que recolla os produtos que mellor se axusten ás necesidades das persoas, apostando

polas novas tecnoloxías e por materiais máis eficientes”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La derecha no muerde”. José Castro López

“La derecha no muerde”. José Castro López

Hace un año, el presidente Sánchez cumplimentó a Giorgia Meloni, jefa del Gobiernode Italia, en visita protocolaria. Ambos intercambiaron palabras amables y elogiosmutuos -diplomacia de libro-, hablaron de problemas comunes, como la inmigración -curiosamente ahora...