“Nadal Feliz e Santo” – José Antonio Constenla

Cada ano, ao redor das celebracións do Nadal, non faltan sucesos que, queréndoo ou non, son quen de estragarnos a festa. Este ano a palma lévaa a Comisión Europea que, a través da súa comisaria de Igualdade, anímanos a que felicitemos “as Festas” (unha moderna vaguedade como tantas outras) e non “o Nadal”. Todo iso para “ilustrar a diversidade cultural de Europa e destacar a natureza inclusiva da Comisión con respecto a todos os modos de vida e crenzas”. Asistimos a outra manifestación de covardía da corrección política: O anfitrión tense que esconder debaixo da mesa, desculparse por ser europeo e celebrar o Nadal na intimidade do seu fogar.

En España, un alumno avantaxado desta filosofía é o presidente do Goberno, que do mesmo xeito que felicita cada ano e sen ambaxes o Ramadán, non escatima en buscar subterfuxios para non facelo en Nadal, propoñendo que se lle denomine “festa do afecto”.

Todo isto é o triunfo dunha visión adolescente e analfabeta, que, falsamente en nome do ben común, ataca a conciencia as nosas raíces. Mergullados no práctico multiculturalismo preténdesenos facer crer que é boa idea engurrarnos para non avivar odios internacionais.

Estas modas ás que se apuntan os que descoñecen e rexeitan a súa historia son perigosas, porque dan carta de natureza (e até xustifican) o resentimento dos que consideran a Occidente o culpable de todo o que sucede. A reivindicación da memoria, a cultura, o patrimonio e o pensamento histórico e relixioso é fundamental, propicia o sentimento de pertenza, e por extensión, o enraizamento. Así mesmo, negar que a nosa cultura está fundamentada en raíces cristiás e por tanto, defender que pode ofender a alguén, non é máis que o anticlericalismo de sempre disfrazado doutra cousa. Estamos ante unha ofensiva contra valores que definen unha forma de vivir, un concepto de persoa, unha idea de liberdade.

Que un país sexa laico (por certo, o termo é unha palabra cristiá que só distingue o ámbito propio dos que non son sacerdotes) non pode significar que a relixión non sexa algo positivo. De feito, esta, é un fenómeno que fai mellor á persoa e á sociedade, independentemente de que non se profese ningunha.

O único importante é que a pesar dos intentos por silencialo, ou por cambiar o seu verdadeiro sentido, o Nadal é o convite a anunciar no medio do mundo que Deus naceu. A súa presenza trae esperanza á terra, énchenos de ánimo e de paz. Contemplando ao Neno nado en Belén, vemos a quen se desposuíu da súa gloria divina para facerse pobre e amar ao home sen protagonismo. Seguindo a san León Magno, “alegrémonos, hoxe naceu o noso Salvador. Non pode haber lugar para a tristeza cando acaba de nacer a vida”. Para todos, Feliz e Santo Nadal!