“Gañar pola mínima” . Antón Luaces

Comezaron o domingo e coas primeiras horas do martes sabiamos que España, unha outra vez, perdía a final do campionato de Pesca da Unión Europea “pola mínima”. Os árbitros da cuestión (os ministros de Pesca da UE e a Comisión Europea) optaron por non pitar penaltis e aplicaron un regulamento novo polo que calquera redución nas cotas de peixe a repartir en 2022 veñen a se converter en sinxelas mostras de aprecio: propoñen rebaixar as cotas de pescada sur nun 18,5% e, acadar unha rebaixa do 8% é unha vitoria no último minuto. Somos así.
Pero desta vez, a nosa conselleira do Mar, Rosa Quintana, non formaba parte da delegación española en Bruxelas. Foi de oínte. E o resultado non lle gustou por “escaso” e “limitado”. Nin estaba ela, nin estaban os seus. Polo tanto van seguir traballando “da man” do sector. Non estou moi seguro de que o sector queira ir de bo grao da man da Consellería. Porque as especies que se distribuían na capital da UE eran as que son: pescada sur, xurelo, linguado, cigala, abadexo… as que teñen máis valor en calquera mercado local e nacional. E Galicia sabe disto.
Ao xa sinalado para a pescada sur , á que se aplica unha rebaixa do 8%, cando o previsto era un 18,5%, resultaba demencial. Só concibible nos miolos de aqueles que non pensan na sustentabilidade do peixe se non é en función das propostas ecoloxistas, querendo ser coma eles cando non máis ca eles. Esa rebaixa é un éxito. Disque. PERO NON DEIXA DE SER UNHA REDUCIÓN. Aínda que non se queira ver como tal.
No Mediterráneo, o arrastre vai ter que fiar fino. Polo menos tan fino como fían aqueles que non ven no arrastre outra cousa ca un inimigo a bater.
O linguado reduce -porque obrigan- as capturas nun 5%; o corbelo ou abadexo, mantén o tipo coa cota do ano pasado; o xurelo incrementa a cota para 2022 nun 11.6% en liña co RMDS (Rendemento Máximo Sustentable) cando a previsión era de un recorte do 16%.E a satisfacción da delegación española rexistrou un aumento expansivo tan só minguado pola decisión relativa ao palangre mediterráneo.
Foi unha boa faena. Fooi.
Pero xa van tres anos consecutivos de rebaixas nunhas campañas que non milloran nin nos grandes almacéns.
Un ano máis a atención posta en Bruxelas. Unha atención que agora prende tamén no Reino Unido -país ex membro da UE, como se lembrará-, Noruega (país asociado á UE) e a propia Unión Europea, que se reparten os dereitos de pesca no Mar do Norte como se o brexit non fora nada.
É dicir, os de fora, amañando o que en casa non damos amañado os Estados membros. Mala mar me deixe.
Dígolle unha cousa, lector: dubido que á Comisión Europa e aos Vintesete lles quede algo por rebaixar no eido da pesca na reunión que celebrarán a finais de 2022.
Falaremos diso se o COVID nas súas múltiples manifestacións nos deixan.