A Xunta somete a información pública a inclusión de dúas árbores do Pazo Goiáns no Catálogo de Senlleiras

23 Decembro 2021

A Xunta someterá a información pública a posíbel inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia dun eucalipto azul no concello de Poio e dunha maceira de sebes e unha sobreira en Boiro.

O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras é unha ferramenta aberta que aspira a acubillar os exemplares arbóreos da nosa terra máis sobranceiros, tanto dende o punto de vista ambiental e paisaxístico como histórico. Pola súa natureza en constante actualización está aberto á inclusión de elementos novos por parte de propietarios, administracións, centros de investigación, asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

Este venres 24 publicarase no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se inicia este proceso de valoración para determinar se os tres exemplares propostos teñen unhas características excepcionais que os fagan merecedores dunha protección especial.

A maceira das sebes do Pazo de Goiáns

Ademais de estudar as solicitudes presentadas, os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural farán as visitas e comprobacións necesarias para determinar que as características singulares relativas ao seu perímetro, o porte ou a especie á que pertencen, xustifican a suma destes exemplares á listaxe de árbores senlleiras.

No caso do eucalipto azul (Eucalyptus globulus), a solicitude presentada por un particular de Poio está baseada na peculiaridade do seu perímetro que, segundo a documentación remitida á Consellería, é de 3,50 metros.

Pola súa banda, o Concello de Boiro remitiu unha solicitude para a inclusión no Catálogo dunha maceira de sebes (Maclura pomifera), cuxa singularidade se basea na rareza desta especie, que mide 13,5 metros de altura e ten un perímetro de 1,8 metros; e para unha sobreira (Quercus suber), que se incluiría tendo en conta o porte do exemplar, 18 metros de altura e un perímetro de case 3,8 metros. Os dous exemplares están localizados no Pazo de Goiáns.

Na actualidade, o Catálogo galego está formado por un total de 181 elementos —143 árbores e 38 formacións— pertencentes a 80 especies diferentes.

A sobreira do concello de Boiro

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión