A “Andaina solidaria de Lousame” recada máis de 1.500 euros en beneficio de ASGPOH

Máis dun centenar de persoas desafiaron ao frío, con temperaturas baixo cero nos primeiros momentos da mañá, e tomaron parte na quinta edición da Andaina solidaria en favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva
(ASGPOH), organizada polo Club Lousame Deporte e o Concello de Lousame. Unha iniciativa que permitiu recadar máis de 1.500 euros, entre as inscricións, dorsal solidario e doazóns dalgunhas das 500 persoas que tomarán parte do V Trail Silvestre de Lousame o próximo domingo 26 de decembro. Precisamente, o acto de entrega das doazóns farase ao finalizar o Trail, posto que aínda está aberto o Dorsal 0 en www.emesports.es para aquelas persoas que queiran colaborar coa iniciativa e non poidan ou non queiran asistir ás probas.
A Covid-19 volveu condicionar a proba, se ben non tanto como na pasada edición. De feito, a asistencia duplicouse con respecto ao ano 2020, se ben só asistiu a metade das persoas inscritas (230). Eses máis de cen valentes, ben en grupos de amigos, en familia ou coas súas mascotas, desafiaron ás baixas temperaturas para percorreren unha fermosa ruta circular con saída e meta no monte de San Lourenzo.
O tenente de alcalde de Lousame, Ramón Martínez, acompañado da mascota do Club Lousame Deporte, o xabarín Jibilén, asistiu á saída da proba e tivo palabras para “agradecer a gran solidariedade de todas as persoas que se anotaron na andaina, pola súa doazón para a investigación da Heteroplasia Ósea Progresiva, e agradecer unha vez máis o traballo dos voluntarios e voluntarias de Lousame e a colaboración do Club Lousame Deporte, do Club
Trabandainas de Noia e da Cruz Vermella, sen cuxa colaboración non sería posible desenvolver probas coma esta”.

Percorrido sen incidencias
As persoas asistentes, debidamente equipadas, tomaron a saída ás 10:00 horas e afrontaron un percorrido con saída e chegada no monte de San Lourenzo, sendo eses dous momentos os de maior esixencia física, o que permitiu tamén unha separación entre os distintos grupos de participantes, que fixeron o percorrido ao seu ritmo. Así, os primeiros comezaron a chegar de volta a iso das 12:30 horas e o resto foi entrando na hora seguinte.
Todos eles estiveron en todo momento acompañados por voluntarios e voluntarias de Lousame, así como integrantes do Club Tradandainas de Noia. Ao chegar de volta, desfrutaron dun avituallamento con froita, doces e auga, cortesía dos patrocinadores da proba: Deportes Casais, Lurbel, Construcións Fermín Simal SL, Hoka One One, 226ers,
Gadis e Autos Comparado.
Pequetrail
A sorpresa desagradable da xornada tivo lugar no Pequetrail que, se ben se desenvolveu sen incidencias, viu moi mermada o seu número de participantes debido á convocatoria esta mesma semana dunha proba de Xogade, que fixo que os clubs inscritos optaran por asistiren á outra proba. De feito, das 66 persoas inscritas tan so asistiron 15, polo que a organización optou por facer as probas nunha única quenda, na que cada categoría daba as voltas que lle
correspondía pola súa idade a un circuíto deseñado na propia área de San Mamede.
O tenente de alcalde de Lousame, Ramón Martínez, e o concelleiro de Deportes, Jesús Martínez, fixéronlles entrega a todos eles da súa correspondente medalla (así como do xa mencionado avituallamento de froita, doces e auga) xa que non hai trofeos en xogo.