No Pleno ordinario do mes de Outubro foi aprobada por unanimidade a Moción presentada polo Grupo Municipal Socialista para a mellora da accesibilidade, e inclusividade, nos espazos e edificios públicos.
Para os socialistas, a pesar de que consideran que se están a dar pequenos pasos para mellorar a accesibilidade, presentaron a Moción ao Pleno porque entenden que o goberno municipal debe ser moito máis ambicioso neste sentido e eliminar barreiras que existen actualmente na vila de Noia.
O portavoz socialista Roberto Iglesias indicou que “unha vila accesible é unha vila onde a súa cidadanía ten unha calidade de vida maior ao poder sentirse totalmente partícipe da mesma, e ser autónoma para poder desempeñar o día a día, e acceder aos espazos, as instalacións ou ós edificios públicos con normalidade.”
O G. Municipal Socialista considerou no Pleno que unha das finalidades que deben ter as obras novas, é que sexan totalmente accesibles, e indicaron que recentemente puxéronse en funcionamento novas instalacións que non cumplen con estes principios, como pode ser a pasarela de madeira de Testal “que é unha verdadeira barreira para
persoas con movilidade reducida, para acceder á praia ou a pista deportiva que está en Testal” manifestou Roberto Iglesias, “ou na área recreativa que se fixo en San Lázaro, no que ningún dos seus elementos son inclusivos para persoas con movilidade reducida, os parques infantís deben ser espazos de convivencia e abertos a toda a
cidadanía”.
Outra das instalacións que os socialistas consideran que é necesario que sexa accesible a todo o mundo é a Biblioteca de Noia, e solicitaron que se dende o goberno non son capaces de solucionar este problema nun prazo “razoable”, consideren trasladala a outra ubicación de xeito temporal.
Os acordos aprobados son os seguintes:
- Realizar un Plan de Accesibilidade e inclusión na vila de Noia, co estudio da situación actual e que sinale os problemas de mobilidade, e a falla de instalacións inclusivas nos espazos públicos.
- Establecer uns obxectivos, e un calendario, para solucionar os problemas detectados no estudio, e conseguir unha vila accesible e inclusiva para todas as persoas.
