O Teatro Cine Elma da Pobra vai acoller este sábado 27 a gala de presentación das curtas realizadas polas persoas usuarias do servizo ocupacional do CAD local (Centro de Atención á Discapacidade). Será ás 19.00 horas na antiga sala de cinema da Pobra.
Segundo apuntou a directora do centro, Julia Rial, estas son as curtas coas cales as e os usuarios do mesmo competiron no certame audiovisual OUFF Escola de Ourense xunto con outros corenta e cinco colexios e asociacións de toda Galicia, tralo cal acadaron a mención especial pola calidade das propostas achegadas. Salientou tamén o” labor concienciador e pedagóxico destes filmes”.
As pezas audiovisuais que se van proxectar son Prisión tecnolóxica, que reflicte o uso abusivo do teléfono móbil e das novas tecnoloxías; Cóntoche un conto, unha proposta con formato stop motion que traslada a problemática dos incendios forestais narrando a vida dun carballo ao longo das catro estacións, dende o outono deica o verán; e No mar da diversidade, un vídeo musical creado polos rapaces e rapazas, coa letra incluída.
Así mesmo, a xornada contará coa performance de sombras O noso sentimento, na cal, tal e como sinalou a animadora sociocultural, Saray Pazos, o grupo de teatro do CAD representará sobre as táboas o que sentiron durante a pandemia.
Pola súa parte, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), puxo en valor o equipo do CAD e agradeceu a súa implicación no proxecto.
As persoas que desexen asistir deben confirmar a súa asistencia a través do teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 2502, ou facelo in situ no propio día do evento ata completar a cabida.
