Este venres 12 preséntase en Rianxo o noveno caderniño dos Episodios Republicanos Barbanzáns

Este venres 12 de novembro, ás 20.30 horas, vaise celebrar en Rianxo a presentación dun novo volume, o caderniño número 9, dos Episodios Republicanos Barbanzáns que está a publicar a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza.

Este novo volume, Madriñas nos campos de concentración da Barbanza, a cargo de Xosé Comoxo e Xesús Santos, chega a nós pouco despois da destacada contribución de Xoán Fernández Callón, a sétima da colección, que se deu a coñecer no Museo Valle-Inclán da Pobra e que compendia, rastrexa e reivindica os nomes e as vidas dos veciños da nosa comarca que estiveron no campo de concentración de Mauthausen.

A presentación do noveno caderniño será na Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo. O acto contará coa intervención musical do grupo Barahunda. A cita está organizada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza coa colaboración do Concello de Rianxo.