Onte luns comezou a primeira fase da campaña do Concello a prol do comercio e a hostalería local denominado AMARIBEIRA e, a tenor dos resultados do seu día inaugural, está a ter moi boa acollida, posto que dos 500
cupóns de desconto postos a disposición a veciñanza xa se descargou máis da metade nas primeiras 24 horas de campaña: un total de 270.
Nesta primeira fase (que durará do 15 e o 30 de novembro) os descontos existentes son aplicables exclusivamente nos negocios da marketplace Ribeira Store (https://ribeirastore.com/). Obtéñense 10 euros de desconto por cada 30 gastados, acumulables ata un máximo de 30 euros de desconto. Os negocios non adheridos que se desexen
sumar á marketplace e beneficiarse tamén destes descontos aínda están a tempo de facelo. Toda a información está dispoñible na páxina web https://amaribeira.gal/.
Ribeira Store en Viladecans
Ao fío deste asunto cómpre informar de que o alcalde Manuel Ruiz participou onte en Viladecans na quinta edición do Encontro Innpulso Emprende promovida pola Rede Innpulso (Rede de Cidades da Ciencia e da Innovación, da que o concello ribeirense forma parte) posto que a citada marketplace Ribeira Store foi unha das iniciativas seleccionadas para que fose presentada neste foro, orientado a potenciar o intercambio de experiencias na promoción e o apoio á
innovación na procura de acadar cidades climaticamente neutras.
O alcalde lembrou durante a presentación (na que tamén participou Pablo Borrás, da empresa 2bedigital, que presta soporte á devandita plataforma de comercio electrónico) que esta ferramenta xurdiu en plena pandemia como unha das medidas impulsadas polo Concello para contrarrestar os efectos económicos do covid-19 no noso sector servizos e anunciou precisamente o arranque de AMARIBEIRA para estimular o seu uso pola cidadanía.
O Concello de Ribeira saca a poxa pública 12 prazas de garaxe e 14 rochos
O Concello de Ribeira sacou a poxa pública 12 prazas de garaxe e 14 rochos (trasteiros). Dita poxa está publicada no perfil de contratante, na sede electrónica do Concello, e máis no taboleiro de anuncios da web do concello. Segundo se explican nas bases, cada...